"O país ten problemas específicos e precisa de forzas propias”

"O país ten problemas específicos e precisa de forzas propias”

Noa Presas, cabeza de lista do BNG por Ourense, advertiu que “o nacionalismo ten que estar porque o país ten problemas específicos e precisa de forzas propias”. Presas fixo estas declaracións despois dun reparto do programa electoral polo casco vello de Ourense, na véspera do peche de campaña que terá lugar mañá venres (19.30 horas) na praza das Burgas. “A ofensiva contra as forzas nacionalistas no Estado é a constatación de que só os nacionalistas están pola ruptura do Réxime do 78”, insistiu Presas, que engadiu que “despois da deriva de Podemos resulta evidente que calquera creba democrática da Constitución do 78 e da Monarquía só poden vir das forzas que representan ás nacións sen Estado”.

Noa Presas tamén fixo referencia a información de que a causa contra José Luis Baltar, ex presidente da Deputación, na que se investiga ao pai do actual presidente por presunta financiación ilegal de campañas electorais. “Xa dixemos que o PP é un partido sen crédito, dixémolo porque leva corenta anos gobernando a provincia sen aportar solucións e tamén porque é un partido manchado pola corrupción”, dixo Presas. “Pero en Ourense e en Galiza sabemos ben que é o PP, levamos décadas loitando contra o caciquismo, que é un substrato onde medra a corrupción”, remarcou a candidata. “Ningunha forza de fóra vainos vir a dicir que contra a corrupción se loita con códigos éticos; contra o caciquismo non serven os códigos éticos, só serve o traballo constante como o demostrou o nacionalismo”. Ourense, 23 de xuño de 2016