MARIBEL POISA, NÚMERO 3 DA LISTA DO BNG POR OURENSE

"Mesmo hai xente con traballo en risco de exclusión social"

maribel 2
maribel 2

Son Maribel Poysa. Nacín na Coruña, no barrio de Montealto, en 1960. Levo traballando como enfermeira desde 1980. Fun supervisora da UCI no Canalejo e supervisora de área no CHUO. Agora traballo nas Urxencia en Xinzo. Vivo dende hai dezaseis anos en Allariz, onde son concelleira de Benestar Social.

No ámbito da miña responsabilidade municipal, no do benestar, hai moito, moito que facer. Preocúpame a atención aos maiores, pero tamén o aumento de casos de violencia no fogar que teñen que ver coa crise económica.

"Mesmo hai xente con traballo en risco de exclusión social"

Cal é a situación dos servizos sociais nos concellos de Ourense?
Trátase de abarcar a toda a poboación, a da vila e a do rural. En Allariz o Concello asume todo o esforzo no programa Xantar sobre rodas, que presta servizo a 59 usuarios, persoas ás que lles levamos a comida. Tamén prestamos axuda a domicilio, tanto básica como a dependentes, con nove auxiliares traballando neste servizo. É unha dotación insuficiente porque hai lista de espera. Precisamos máis persoal, e iso depende da Xunta. Desde a Xunta dinnos que se van a aumentar horas, pero fano moi lentamente e así non se pode cubrir a demanda. En torno ao 70% do esforzo en servizos sociais é asumido polo Concello. A achega que fai a Xunta, tanto de persoal como orzamentaria, é insuficiente. 

Como evolucionan as necesidades da poboación?
En canto aos maiores, a nosa política é axudalos para que poidan seguir na casa e vivir no seu entorno. Pero o máis significativo é a situación de emerxencia social. É moi grave. Tanto, que mesmo hai xente con traballo en risco de exclusión social. Casos nos que o salario non garante a subsistencia. No caso de Allariz, o Concello asume totalmente os gastos derivados de proporcionar alimento ou pagar as facturas da luz ou da auga cando é preciso.

Como defines a política social da Xunta nestes últimos anos?
Houbo un retroceso evidente nun momento moi delicado. O que sucede coa lei de dependencia resume esa política. A lei está aí, pero non se cumpre, hai tardanza nas valoracións, nos pagamentos... hai unha lista de espera que non debería haber. Recórtase o gasto mentres aumenta o número de persoas que necesitan axuda. O retroceso respecto das políticas do bipartito tamén é claro no campo da igualdade. E aquí teño que subliñar que a maioría dos casos de violencia no fogar teñen que ver coa crise económica que estamos sufrindo.

Cal foi a resposta da Xunta a esta crise social?
Está ben claro, xa o dixen: mentres aumentan as necesidades sociais, baixa o gasto social da Xunta. Os concellos son os que están soportando a maior parte do peso.

Cal é a situación dos traballadores dos servizos sociais?
Hai moito traballo. Asumen máis do que se debería nunha situación normal. É necesario máis persoal. 

Que é o primeiro que debería facer un novo goberno na Xunta en benestar social?
Recuperar a lei de dependencia e dotar aos concellos de máis recursos. Iso é o urxente.

Desde a túa experiencia profesional, como está a sanidade?
Cando estudante fixen prácticas no Hospital de Caridad. Pois ben, a sanidade pública estana levando cara un servizo de caridade. Pola deriva que leva, non pasará moito ata que nos vexamos outra vez naquela situación. Levan moitos anos minando a sanidade pública.

Por que participas desta candidatura do BNG ao Parlamento galego?
Estou na candidatura do BNG porque amo ao meu país, a miña cultura, a miña lingua, e sobre todo porque quero loitar contra esta desfeita e polo meu país. Estou orgullosa de formar parte desta candidatura.