BNG pide mellorar o servizo de pediatría do centro de saúde de Viana do Bolo que atende a 300 menores

Noa Presas, deputada do BNG

Noa Presas: “É inhumano que unha nai cunha urxencia teña que coller o coche e desprazarse máis de 30 quilómetros ata A Rúa

BNG pide mellorar o servizo de pediatría do centro de saúde de Viana do Bolo que atende a 300 menores

A deputada por Ourense, Noa Presas, reclamou no Parlamento incrementar as horas de servizo de pediatría no centro de Saúde de Viana do Bolo que ten unha poboación asistencia de case 300 nenos e nenas, 205 só neste municipio, pero que tamén atende ás localidades de A Veiga e Vilariño de Conxo.

En concreto, o BNG recolle a petición da veciñanza e do propio concello para incrementar un día máis o servizo de pediatría, que agora se limita a un día a semana. “É inhumano que unha nai cunha urxencia teña que coller o coche e desprazarse máis de 30 quilómetros até A Rúa”, alegou Presas no debate da iniciativa nacionalista que foi desestimada polo PP, “pese a que se trata dunha petición máis que razoable e que non require un gran investimento”.

Para a deputada nacionalista, o Goberno da Xunta ten que “deixarse de comisións de expertos en demografía e, se quere realmente apoiar a natalidade, a mellor maneira é poñendo servizos públicos a disposición das familias, en particular daquelas que apostan por desenvolver o seu proxecto vital no rural”, explicou Presas.

O BNG, anunciou Presas, seguirá reclamando mellorar o servizo de pediatría no centro de saúde de Viana do Bolo, “porque supón un beneficio concreto para centos de familias”, e acusou ao PP de “persistir nos recortes en prestacións básicas como a sanidade”. “O Goberno de Feijóo nin aposta polo rural, nin aposta polas familias do rural, e o demostra sempre que poden como neste caso, negando algo tan básico como un día máis de servizo de pediatría, polo que seguiremos loitando ao lado das familias”, concluíu.

BNG pide mellorar o servizo de pediatría do centro de saúde de Viana do Bolo que atende a 300 menores