O exilio da xente moza é un problema colectivo; porémoslle freo dende o Concello

O exilio da xente moza é un problema colectivo; porémoslle freo dende o Concello

Detrás da parcarta que hoxe colocamos no Parque de San Lázaro queremos facer unha chamada de atención sobre o grave problema que representa o exilio das nosas mozas e mozos. Detrás das cifras están milleiros de mozas e mozos que remataron a sua formación e non atoparon saída laboral en Ourense. A súa única opción foi marchar.

IMG_3897

Explicábao Beatriz Fariñas, candidata do BNG-Asembleas Abertas que con 24 anos viuse obrigada a emigrar dúas veces, a primeira para rematar os estudos “polo desmantelamento e a mercantilización do ensino público desenvolvido polo Partido Popular e, recentemente, por motivos laborais anque só foi unha bolsa laboral en prácticas pero era máis do que me ofrecían eiquí”.

Beatriz Fariñas facía fincapé no feito de que as mozas e mozos non marchan por vontade propia senón que son obrigadas-os a buscarse a vida fora da cidade polas nefastas políticas levadas a cabo polo PP no estado e na Xunta máis tamén polo PSOE no Concello de Ourense.

Precisamente ás accións que poden frear este exilio e que poremos en marcha dende a administración local facía referencia a candidata á alcaldía, Susana García, quen anunciou un plan de choque contra o desemprego xuvenil con programas específicos de emprego, bolsas para titulados para a posta en marcha de proxectos relacionados coa economía local, axudas para o retorno da mocidade emigrada e creación dunha rede municipal de empregabilidade xuvenil que xestione unha bolsa de ofertas de traballo.

Apuntaba Susana García que o futuro da nosa cidade pasa inevitabelmente por garantir o futuro da mocidade e para o BNG-Asembleas Abertas é unha prioridade. Neste senso, temos programadas políticas de vivenda específicas para a xente moza para favorecer o seu acceso a este dereito. Tamén xestionaremos dende o Concello, en colaboración coa Universidade, unha residencia universitaria pública.

A emigración das mozas-os é un problema colectivo e a implicación de todas as institucións é fundamental para que poidan regresar e para evitar que segan marchando. Por isto, a candidata nacionalista tamén anunciou outras políticas específicas relacionadas co transporte, a cultura o lecer, o deporte ou a sexualidade “queremos ampliar os horarios e rutas do Moucho-bus, manter a reducción de tarifas no servizo de transporte público, xestionar prezos especiais para as actividades culturais do concello, potenciar o asociacionismo con locais autoxestinados, desenvolver programas de información e asesoramento afectivo-sexual, dotar a cidade de áreas recreativas de lecer e por suposto comprometémonos a abrir a Casa da Mocidade”.

O BNG-Asembleas Abertas aposta claramente pola mocidade e por isto, na sua candidatura 5 dos 10 primeiros postos están ocupados por mozas e mozos menores de 30 anos, como dicía Beatriz Fariñas “o BNG-Asembleas Abertas fainos partícipes das políticas coas que, dende a esquerda e o nacionalismo, construír un país no que poder traballar e ter un futuro digno”.