[ E ] Fabián Freixedo "para frear a emigración xuvenil hai que crear emprego de calidade"

[ E ] Fabián Freixedo "para frear a emigración xuvenil hai que crear emprego de calidade"

Fabián Freixedo Fariñas, natural do Carballiño, ten 21 anos e actualmente é estudante en prácticas de Formación Profesional. Fálanos das propostas do BNG para a mocidade.

Como vive un mozo de Ourense en primeira persoa a migración da xente da súa xeración?

Con moita impotencia. Ves diante de ti, como aquelas amizades que medraron e estudaron ao teu carón, que recibiron o esforzo da sociedade galega, non llo poden agradecer nin desfrutalo aquí, senon teñen que repetir o camiño de sempre: o exilio. E a carraxe sentida é máxima cando vemos que a emigración que padecemos ten explicación políticas concretas, con nomes e apelidos.

6Que se pode facer para freala? que propón o BNG?

Á hora de atallar o desemprego e a emigración, o BNG sempre tivo un proxecto claro e definido. De feito, o último Plan de Emprego do concello foi aprobado a iniciativa do BNG, mais a día de hoxe o PSOE e PP téñeneno paralizado. Neste senso, dende o Concello de Ourense, o BNG-Asembleas Abertas conbatirá as neglixencias socias de PP e PSOE impulsando programas concretos que xeren emprego xuvenil, ofrecendo un servizo de seguimento da mocidade desempregada e creando unha rede municipal de empregabilidade para xente moza, conseguindo facer da Concellaría de Mocidade un referente para as políticas de emprego da xente moza

Cal cres que é a maior preocupación entre a xente moza?

A frustración de esforzarse para nunca acadar o obxetivo: un emprego digno. E non pedimos tanto, pois é o traballo un dereito universal contra o que impunemente se está atentando. Xente que, tras anos e grandes esforzos económicos, consegue rematar uns estudos vese nunha situación con nulas expectativas laborais. E se con sorte, atopa traballo, case sempre é en condicións máis que precarias. Nesta situación, depende de nós seguir sendo gobernados polos de sempre, ou que as galegas e galegos plantemos cara dende o noso país. O BNG-Asembleas Abertas pon enriba da mesa un proxecto firme e que aposta pola mocidade como motor de futuro.

ANEXO I (2)Como afrontar a problemática de atopar un primeiro emprego?

Somos conscientes da dificultade existente á hora de atopar o primeiro traballo. Na mocidade presente na nosa candidatura, incluso eu mesmo, sabemos en primeira persoa, o verdadeiro esforzo que se sofre para lograr un primeiro posto de traballo. No entanto, cremos na posibilidade de cambio. Cremos na acción política como capacidade transformadora, e neste aspecto temos moito que contribuir. Para o BNG-AA a Concellaría de Mocidade ten a responsabilidade de xerar políticas de capacitación e formación da xente moza na procura do seu primeiro emprego. Ampliación da oferta e funcións das Escolas obradoiro, posibilitar a obtención de formación en Cualificación Profesional Inicial para os mozos e mozas sen o graduado en ESO, oferta de novos cursos de formación laboral, son mecanismos que poremos en marcha para facer fronte a unha situación de emerxencia.

Que políticas se poden facer dende o Concello?

Todo o que dende o concello fagamos será sempre baixo dúas premisas: primeiro, que a mocidade é motor de futuro, polo que nada supón un gasto senón unha inversión, e segundo, que a participación activa da mocidade é o noso marco de decisión. Dito isto, as políticas a considerar camiñan dende as xa mencionadas políticas de emprego, eixo fundamental do noso proxecto, así como políticas de mellora da calidade de vida da nosa mocidade, comezando por políticas de vivenda, como alugueiros sociais á xente moza, pasando por iniciativas de mellora do acceso a actividades e infraestruturas culturais, científicas ou deportivas, cun prezo xuvenil por exemplo; e rematando por políticas afectivo sexuais e da saúde, como programas similiares aos postos en marcha nos centros Querote que o PP pretendía pechar e acabou desvirtuando, entre outras moitas.

Unha xeración preparada que non atopa emprego e que tampouco se pode independizar, que se pode facer fronte a isto?

Dende o Concello axudaremos con medidas de axuda á vivenda para a mocidade. Algo tan sinxelo como reservar unha porcentaxe de vivendas nas promocións municipais de vivenda de protección pública para os menores de 30 anos, sería un pulo para un sector da sociedade que está demandando maiores necesidades, ademais do Plan Municipal de Vivenda que contará coas medidas necesarias para que se favoreza o acceso da mocidade a este ben. O que temos claro, é que neste aspecto o protagonismo da mocidade será como sempre foi para o BNG, prioritario.

O BNG tivo responsabilidades de mocidade no goberno de Ourense, que actuacións destacarías?

En materia de mocidade foron moi precisas e, máis aínda, necesarias as aportacións que se fixeron á cidade. Mágoa que o desgoberno do PSOE as eliminara ou as paralizara. Co BNG a mocidade participou, expresouse, tivo voz e presencia na cidade. E falo por exemplo da Casa da Mocidade da Ponte, un novo espazo plantexado polo BNG para mocidade ourensá e que 3 anos despois continúa sen abrir pese á dotación orzamentaria que se lle deu. Tamén destacado o papel que xogou o Foro da Mocidade, ámbito de participación directa do concello cos colectivos e asociacións xuvenís así como mocidade en xeral. Un espazo onde se vertebraba a participación directa da xente moza no concello que, desafortunadamente, só estivo vixente no periodo do BNG na responsabilidade.

unnamed (1)A Casa da Mocidade segue pechada, dando por feito que se abrirá no próximo mandato cal é a proposta para o seu contido?

Efectivamente, co BNG a mocidade recuperará o lugar que lle corresponde e farao con seguridade, porque para nós é un importante activo social. A casa da mocidade será, como indica: da Mocidade e para a Mocidade. Quere dicir que será o espazo referencial para as asociacións xuvenís, nun marco de ámbito local, que camiñe cara autoxestión. Os locais, recursos compartidos, apoio loxístico, material, etc. estarán á disposición da xente moza desta cidade. O BNG ven de crear unha rede de apoio aos grupos emerxentes locais onde goberna, sumaremos Ourense a esa rede.

Como se lle dá protagonismo á xente moza?

Dende o BNG cremos que a mellor maneira de que a mocidade sexa protagonista é escoitándoa. O Foro da mocidade, en termos de participación, dinamización e plantexamentos de actividades é o marco polo que o BNG se guía. A mocidade demanda e nós abriremos as canles necesarias para que o resto da sociedade a escoite e podamos entre todos e todas dar unha resposta axeitada. Ben sexa en termos de iniciativas culturais, de lecer e tempo libre, etc. ben no ámbito da educación, con iniciativas que logren parar o desgaste producido polo PPSOE coas últimas reformas educativas.

Falamos de educación: como revitalizamos o Campus de Ourense e a súa vinculación coa cidade?

Conseguindo unha mellor relación Concello–Universidade de Vigo, unha mellor implicación de ambas por un proxecto de cidade, tratando de colaborar día a día con iniciativas como a formación continua, ben como obradoiros, ou como cursos de formación para maiores, así como iniciativas culturais relacionados co ensino universitario como a MITEU (Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense). Cabe destacar o importante papel do estudantado e as problemáticas que se poidan derivar. Unha residencia universitaria con prezos asequibles, alugueiros socias para a xente moza, axudaría a facer máis atractiva esta cidade a estudantes que veñen de fora. Alén de tratar a mellora da oferta educativa, como o caso dunha reflexión do sistema universitario galego sobre a distribución das titulación nos diferentes Campus e Univeridade co proxecto e a prespectiva de país que defendemos.

O BNG na Xunta de Galiza puxo en marcha os centros Quérote logo desvirtuados polo PP, que se pode facer neste sentido dende o Concello?

O Concello ten a capacidade de poder actuar sobre amplos sectores da sociedade de maneira directa. Cremos que dende o concello se pode levar a cabo unha serie de iniciativas propias en materia de políticas educativas en cuestión de sexualidade e relación afectivo-sexuais. Nese sentido, construiremos aquí outro dique de contención cotra os ataques do PP á sociedade galega. A creación de espazos ou programas específicos para a información afectivo-sexual da mocidade, campañas e obradoiros de información sobre métodos anticonceptivos e prevención ETS ou impulsar en centros de ensino obradoiros de concienciación da igualdade, superando actitudes machistas así como modelos discriminatorios co colectivo LGTBI, son as múltiples actividades que se poden realizar dende o Concello de Ourense.

[ E ] Fabián Freixedo "para frear a emigración xuvenil hai que crear emprego de calidade"