O goberno de Ourense foi cómplice no desafiuzamento dunha veciña de A Ponte

O goberno de Ourense foi cómplice no desafiuzamento dunha veciña de A Ponte

O BNG quer denunciar a colaboración do equipo de goberno no desafiuzamento de María Pérez que se producía esta mañá dunha forma pacífica xa pactada coa comisión xudicial o pasado luns no primeiro intento de desafiuzamento.

Resulta insólito que membros da policía local participaran activamente no despexo desta familia, mentres os efectivos da policía nacional montaban garda a carón da vivenda. A concelleira Ximena González, presente na acción da plataforma declarou que 'cun goberno ao que só lle preocupa asfaltar rúas estaba claro que algo asi acabaría pasando, hoxe o Concello de Ourense foi cómplice necesario para botar a María da súa vivenda'.

IMG_3428

Tras a chegada da comisión xudicial, a Plataforma Stop Desafiuzamentos acordou facer unha resistencia pacífica dado que María xa anunciara que abandonaba o piso. Porén a policía local entrou empurrando ás persoas alí concentradas e logo, cando se ían sacando as poucas pertenzas que quedaban na vivenda, sempre subía e baixaba algún membro da polícia local participando así de xeito activo e non testemuñal no despexo de María. Ximena González explica que 'é impresentábel que o Concello envíe policía local a botar a unha veciña da casa, cun goberno do BNG isto nunca pasará', partillando a indignación das presentes coa participación do Concello nesta acción de despexo.

Tendo en conta estes feitos, o BNG acusa ao grupo de goberno de ser cómplice no despexo dunha veciña da cidade, cando o papel que tiña que xogar era o de pór todos os medios ao seu alcance para ofrecerlle unha alternativa e axuda que só atopou na Plataforma Stop Desafiuzamentos.

O BNG ven de rexistrar un escrito dirixido ao Alcalde pedindo explicacións pola actuación da policía local posto que él é o responsábel máximo deste servizo, en palabras de Ximena González 'sería bo que nas próximas 24 horas o Alcalde nos aclare que facía hoxe no despexo de María a policía local e que se comprometa a que o Concello non participará de ningún outro despexo' engadindo que 'que explique tamén se pode por que non hai policía para facer unha carreira ciclista e si podemos adicar 7 a botar a unha veciña da súa vivenda'.