Queremos viva a Rosalía os 365 días do ano

Queremos viva a Rosalía os 365 días do ano

Declaración institucional do Concello de Ourense no Día de Rosalía

Hoxe, 24 de febreiro de 2015, cúmprense 178 anos do nacemento da escritora galega Rosalía de Castro. Nela e con ela lembramos non só unha personalidade altísima das nosas letras, senón á muller que alargou até o infinito o campo da literatura e da cultura galegas e, con el, as aspiracións a un papel histórico para a súa lingua e o súa país, Galicia.

IMG_3298

Alcumárona de chorona, mixiriqueira e trastornada por sombras de incerteza, construíndolle unha imaxe distorsionada para afastarnos da exactitude das súas palabras, mais a nosa lembranza de hoxe trae canda nós a reivindicación da súa personalidade consciente, a de ser unha das primeiras feministas galegas: pola súa rebeldía, porque amosou a súa solidariedade profunda coa vida e as circunstancias discriminadas das mulleres.

Porque ninguén coma ela soubo expresar os enigmas da condición humana, as dúbidas existenciais que nos acosan, as contradicións da alma, a saudade e a soidade. E, ao mesmo tempo, sen renunciar á expresión do íntimo, Rosalía emerxe como a intérprete máis veraz dos nosos dramas colectivos como un espello no que a voz da poeta captura todo aquilo que é digno de ser cantado.

IMG_3301

Pola súa visión do dereito á xustiza persoal, da situación subalterna das mulleres ou da explotación do pobo galego arrastrado fóra da súa terra por políticas alleas.

Porque reclama e revive en presente atemporal reivindicar a presenza de lingua e identidade en todos os recunchos do país.

E por iso Rosalía de Castro segue a convocarnos, a emocionarnos, a transformarnos por dentro. Querémola viva os trescentos sesenta e cinco días do ano.