As veciñas e veciños de Ourense pagan o canon da cafetaría La Central

As veciñas e veciños de Ourense pagan o canon da cafetaría La Central

Esta mañá, o BNG solicitou a colaboración das veciñas e veciños de Ourense para pagar os 0,60 céntimos que a cafetaría La Central ten estabelecido como canon e que non paga. Esta cantidade -100 pesetas- remóntase ao ano 1968 data na que se asinou o contrato coa empresa que explotaba este espazo público.

IMG_3511

Explicaba a concelleira Susana García que o goberno municipal non pode seguir consentindo estas irregularidades , a saber, obras de remodelación que non se axustaron ao proxecto presentado, cesión ilegal a unha empresa distinta á que ten a concesión, desaparición do expediente de concesión e ocupación dunha praza pública cunha terraza que non ten autorización.

Coñecedores destes feitos, o grupo municipal nacionalista solicitara no mes de de xuño de 2014 unha comisión informativa co obxectivo de clarificar estes aspectos. A proposta fora aceptada por todos os grupos e a comisión constituíuse nese mesmo mes reuníndose, dende aquela, en oito ocasións.

Manifestaba a voceira do BNG que un informe da asesoría xurídica determinou que o espazo é público e que a concesión vence en 2018, que non se contempla a posibilidade de subrrogación e que no momento da sinatura do contrato -ano 1968- o canon estabelecido era de 100 pesetas.

Ante esta situación de flagrante incumprimento, a comisión acordou solicitar un informe á asesoría xurídica para determinar a posibilidade de recuperar a concesión. Este informe pedíuse no mes de xullo e a día de hoxe nin se entregou nin hai data prevista para emitilo, a escusa que puxo o alcalde é a carga de traballo que ten esa asesoría xurídica.

Ao BNG non lle valen estes argumentos e como declaraba a candidata Noa Presas o goberno municipal debe porse a traballar e abandonar a inoperancia na que está sumido nos últimos anos.

IMG_3518

O BNG presentará unha moción no pleno de abril para que se rescate a concesión e se saque a concurso en condicións de igualdade e cun canon acorde aos negocios desas características cedidos polo Concello.

Por último dicir que cos cartos recadados esta mañá entre a cidadanía fixemos o ingreso para pagar os 0,60 céntimos de canon que non paga a propietaria-o da cafetaría La Central.