A Xunta boicotea o Plan Local de Emprego

A Xunta boicotea o Plan Local de Emprego

Dez meses despois de terse aprobado o Plan Local de Emprego, a Xunta aínda non enviou o informe sobre a súa idoneidade. As competencias municipais foron restrinxidas coa lei 7/2013, de racionalización e sustentabilidade da Administración Local, polo que o Concello de Ourense, para executar o Plan de Emprego, precisa o “certificado” de que non está incorrendo en ningún suposto de execución simultánea con outras actuacións públicas.

IMG_3161

Apuntaba a concelleira Susana García que esta demora é unha neglixencia tendo en conta a situación desesperada que viven as e os 10.300 ourensás que, segundo os últimos datos oficiais, figuran inscritas como desempregadas-os. Nin a Xunta nin o goberno de Ourense amosan interese por executar as medidas que contribuirían á dinamización económica e do emprego. Por isto, tanto no Concello de Ourense como no Parlamento Galego, o BNG esixe que, nun prazo non superior a quince días, se emitan os informes e ditames que determinen a inexistencia de incompatibiliade, duplicidade e de execución simultánea con outras actuacións públicas.

Para o BNG a loita contra o desemprego debería ser unha prioridade para todas as administracións polo que o grupo parlamentar tamén pide que se estabelezan fórmulas de colaboración co concello de Ourense que permitan axilizar e optimizar as medidas e os recursos que se van mobilizar a través deste plano. Afirmaba a deputada Tereixa Paz que o interese xeral se debe antepor a guerrilla de partidos.

O Plano de Emprego fora consensuado cos grupos municipais, organizacións sindicais, universidade e colectivos socioeconómicos da cidade que tras varias xuntanzas acordaron apoiar unhas propostas de actuación que tiñan unha consignación de 3 millóns de euros para axudas á contratación, obradoiros de emprego, axudas a proxectos innovadores, axudas para alugueiros de locais comerciais, dinamización das prazas de abastos ou a caixa de financiamento local que permitiría ás PEMES e autónomos obter liquidez a corto e medio prazo.

O documento definitivo tivera o seu xérmolo nunha primeira proposta nacionalista do ano 2013 no que as liñas de actuación tiñan a ver cos microcréditos para o emprendemento empresarial dos sectores máis castigados pola crise, como parados de longa duración, mulleres e mocidade; microcréditos para o comercio local no senso de que puideran solventar problemas de liquidez e microcréditos para o fomento da industria cultural propia. Daquela a iniciativa do BNG non fora aprobada máis para nós a promoción do emprego é unha prioridade e por iso, un ano máis tarde, insistimos nesta liña e acadamos o que finalmente se plasmou no Plan Local de Emprego.

Si no prazo de quince días o goberno galego non da resposta recabaremos o apoio de todas as entidades e colectivos que traballaron e consensuaron o plano porque, aínda que insuficiente, consideramos que o investimento de 3 millóns de euros en medidas de promoción de emprego sí serían un revulsivo para encamiñar a situación de miles de persoas que sofren a lacra do desemprego.