O BNG defende no Parlamento as reclamacións da Plataforma de afectad@s por Hepatite C

O BNG defende no Parlamento as reclamacións da Plataforma de afectad@s por Hepatite C

Os grupos parlamentarios do BNG,PSdeG, AGE e Mixto mantiveron hoxe unha reunión coa Plataforma galega de afectados por hepatite C na que mostraron o seu apoio á reclamación dun tratamento con fármacos de nova xeración para tod@s os enferm@s afectados por esta doenza e asumiron a Proposición non de lei con esta reclamación.

A deputada e portavoz de sanidade do BNG, Montse Prado asegurou que esta forza política permanecerá “ao lado” dos afectad@s para que sexan atendidos. “Non podemos permitir, reiterou, que habendo unha medicación axeitada sexa negado o seu acceso”.

Criterios médicos fronte a criterios economicistas

Asemade, recalcou que “ é necesario que primen os criterios médicos e non económicos” polo que pediu un cambio de política que posibilite o tratamento no sistema público.

Montse Prado e Tereixa Paz escoitan a intervención do portavoz da plataformaQuique Costas

Montse Prado confirmou o apoio do BNG ás reivindicacións da plataforma reflectidas na Proposición non de lei que será presentada por esta forza nacionalista no Parlamento galego para instar ao Goberno do Estado e á Xunta de Galiza a garantir ás novas terapias contra a Hepatite C (VHC) e tomar medidas que permitan dispensar nas farmacias hospitalarias as medicacións prescritas polos facultativos do Servizo Galego de Saúde de “maneira inmediata”.

Pola súa parte, Quique Costas, portavoz da plataforma denunciou que tras a aprobación do Sofosbuvir, un antiviral de acción directa e de eficacia recoñecida nun 95% sobre o VHC a principios do ano 2014, a ex-ministra Mato anunciou que o Ministerio acadaría un acordo co fabricante para que en outubro os médicos puideran dispoñer do medicamento en toda España. A día de hoxe, dixo, Costas, seguimos escoitando anuncios, “ catro en dúas semanas” cando estamos a falar de “curar ou deixar morrer á xente”.

Neste sentido, lembrou o novo anuncio do ministro de Sanidade Alfonso Alonso de crear unha Comisión de expertos para elaborar un plan estratéxico nacional contra a Hepatite C que o portavoz da plataforma cualificou de “anuncio opaco para despistar a opinión pública”. Nós, “non contamos con tempo” para agardar polas conclusión” da comisión.

Nesta mesma liña pronunciouse Xulia Alonso, membro da Plataforma que defendeu un sistema sanitario público “que pagamos todos e todas cos nosos impostos”.

Alonso pediu respecto ao Goberno do Estado para @s afectados por esta doenza e defendeu o traballo da plataforma como resposta “á inactividade” do Goberno. O tempo que nos piden, concluíu, “non o temos”.

O BNG defende no Parlamento as reclamacións da Plataforma de afectad@s por Hepatite C