O BNG PIDE Á NOVA CORPORACIÓN QUE APROBE UNHA SEGUNDA EXPOSICIÓN PÚBLICA DO PXOM

O BNG PIDE Á NOVA CORPORACIÓN QUE APROBE UNHA SEGUNDA EXPOSICIÓN PÚBLICA DO PXOM

As nacionalistas rexistraron unha proposta de moción dirixida aos grupos políticos para o seu debate en Pleno que contribúa a seguir fiscalizando por parte das veciñas o documento no que traballa o Partido Popular.

“Temos que parar a novo pelotazo que prepara o PP co PXOM”, así comezaban hoxe as nacionalistas Ximena González e Luis Seara a rolda de imprensa convocada polo Bloque Nacionalista Galego en relación á tramitación do PXOM.

IMG-20150915-WA0002Nun repaso polo traballo político realizado polo BNG co documento do novo PXOM as nacionalistas lembraron a súa participación na fase previa pechada deseñada polo PSOE e o seu apoio á aprobación inicial para facer público o documento e poñelo en coñecemento das veciñas. Aprobación inicial vinculada directamente a unha segunda fase de exposición pública e alegacións á que se comprometeu o anterior goberno e que reclaman da nova corporación municipal.

Ximena González explicou o traballo do BNG na fase de alegacións percorrendo os barrios da cidade para informar ás veciñas, habilitando o local comarcal para a consulta do documento, axudando na presentación de alegacións, aprensentando alegacións propias de carácter xeral e dando apoio ás presentadas por numerosos colectivos veciñais, convencidas da necesidade dunha segunda fase de exposición e alegacións para continúar a construír o instrumento de planeamento.

IMG-20150915-WA0003Coa chegada do Partido Popular ao goberno o Bloque Nacionalista Galego constata o perigo real de que se prepare un novo pelotazo urbanístico co PXOM similar ao de 2003 cun dos seus responsábeis á fronte do Urbanismo no Concello.

Por todo isto o BNG rexistrou unha proposta de moción para os grupos que forman a corporación co obxetivo de que sexa debatida no próximo pleno cos seguintes obxetivos:

- Dar unha nova oportunidade ás veciñas para definir o seu apoio ou disconformidade coas modificacións introducidas no documento pola equipa redactora e o goberno do PP.

- Ampliar a participación veciñal nun PXOM que non contou con fase previa, responsabilidade da mala xestión do PSOE.

- Impedir que o PXOM sexa aprobado con pactos de partidos ignorando os intereses colectivos a maior gloria da especulación planificada do Partido Popular.

- Amosarlle a un PP en minoría que a vontade da oposición é de fiscalización e control dos instrumentos de planeamento do Concello de Ourense.

Colocar máis unha ferramenta de control ao proxecto especulador do PP que xa apunta o Concelleiro de Urbanismo cando fala da ampliación do número de vivendas definidas polo plan en máis de 4.000 mesmo contradecindo o informe previo da Xunta de Galiza emitido en febreiro de 2013.

O BNG espera da oposición o compromiso necesario para pór este debate no centro da vida política Ourense e non agardar máis para evitar que coa excusa da situación urbanística, a situación do planeamento provisional ou calquera outra cuestión o PP intente pactos oscuros e leve o PXOM á aprobación definitiva sen a participación das veciñas.

Ourense, setembro de 2015