O BNG propón un ingreso mínimo vital e pensións para todas as persoas imposibilitadas para traballar

O BNG propón un ingreso mínimo vital e pensións para todas as persoas imposibilitadas para traballar

Noa Presas, número un da candidatura ao Congreso do BNG por Ourense, e Francisco Jorquera, portavoz parlamentar do BNG, avanzaron esta mañá durante un café con xornalistas en Ourense algunha das propostas coas que o BNG se presentaría a unha posible negociación para cambiar o goberno en Madrid despois do 26X. “Nós temos claro que a presenza dunha deputada nacionalista podería condicionar as políticas dun novo goberno e por iso dicimos que non imos alí a negociar cadeiras nin carteiras ministeriais”, sinalou Presas. “O BNG xa o fixo, e volvería a facelo, nos primeiros orzamentos de Zapatero éramos chave e fomos quen de que o goberno se comprometera a determinadas inversión para Galiza”.

Noa Presas avanzou algunha das propostas que levaría desde Ourense o día antes de que mañá en Pontevedra o BNG presente seu decálogo de medidas para a reactivación económica de Galiza. Falou de políticas expresadas no programa electoral, como “asegurar a cobertura de desemprego a todas as persoas sen ocupación laboral e implantar un ingreso vital mínimo para todas as persoas que non cobraran ningún tipo de prestación económica”, e referiuse tamén ás pensión, asunto no que o BNG aposta por “implantar unha pensión mínima igual ao SMI, tamén para todas aquelas persoas imposibilitadas para traballar”. Fixo mención Noa Presas tamén á proposta para mellorar o financiamento local e a de contar cunha Facenda galega que xestione a recadación. Despois da polémica no seo do PSdG polo apoio de seu grupo parlamentar á proposta fiscal presentada esta semana polo BNG, Jorquera explicou que “se están facendo interpretacións erradas, se miramos simplemente o caso do imposto de sociedades, vemos como no País Vasco calquera empresa que desenvolva alí parte da súa actividade tributa nos territorios; pero no caso de Galiza, Inditex ou Citroën teñen a sede fiscal en Madrid i é alí onde tributan”.

Jorquera finalizou sinalando que “a independencia a hora de defender os intereses do noso país no Parlamento galego e no Congreso dos Deputados é incuestionable, tanto coma que sempre o fixemos promovendo políticas de esquerdas. Nunca estivemos supeditados á obediencia a ningún grupo estatal”.  "Esa é unha herdanza da que non renegamos nun tempo político no que se esquece que xa había forzas políticas claramente situadas á esquerda e claramente situadas na defensa de Galiza”, concluíu Noa Presas. Ourense, 10 de xuño de 2016

o   Noa Presas compartiu con Francisco Jorquera un encontro con xornalistas no que ambos subliñaron que unha soa deputada nacionalista podería ser quen de condicionar as políticas dun novo goberno.