Empeza curso escolar con novos recortes da Xunta na educación pública

Empeza curso escolar con novos recortes da Xunta na educación pública

O curso escolar arranca con novos recortes na educación pública por parte da Xunta con 48 unidades menos en infantil e primaria, que se suma ao peche de 527 unidades desde a chegada de Feijóo ao goberno, 189 millóns de euros menos de orzamento e un recorte de 3.000 profesores e profesoras nesta lexislatura. Ademais, aumenta a precarización do persoal docente, obrigado a dar materias “afíns” a súa especialidade e dun xeito itinerante por centros.

“Todo isto fai que a calidade da educación se resinta”, subliña o portavoz nacional, Xavier Vence, quen tamén enumerou o recorte de profesorado para alumn@s con necesidades especiais, a redución de prazas de comedor escolar e a caída de beneficiarios de libros de texto gratuítos.

A formación nacionalista critica tamén a “implementación sectaria e atropelada” da aplicación da LOMCE, “que está a provocar un caos no inicio do curso” en Galiza, unha das poucas comunidades autónomas que puxo en marcha a nova lei pola “obediencia” do presidente da Xunta a Madrid.

“A política educativa de Feijóo é un desastre en termos de calidade educativa e da presenza do galego no ensino”, advirte Vence, quen pide “reverter este proceso a favor dunha sociedade onde todos e todas teñan acceso a unha educación de calidade e a un futuro profesional, e se respecte o galego no ensino, tal como demanda maioritariamente a sociedade”.