“O goberno que busque o apoio do BNG deberá rematar coa discriminación salarial das mulleres”

“O goberno que busque o apoio do BNG deberá rematar coa discriminación salarial das mulleres”

“O goberno que pretenda obter o apoio do BNG deberá introducir medidas efectivas para rematar coa discriminación salarial das mulleres”, dixo Noa Presas, cabeza de lista do BNG por Ourense, que esta tarde participou nun acto coas parlamentarias Carme Adán e Tereixa Paz, e a concelleira Ánxela González en Barbadás.

No acto, no que a candidata e as parlamentarias expuxeron as propostas sobre políticas de igualdade do BNG, Presas advertiu que a discriminación laboral e salarial das mulleres está ausente no debate desta campaña, pero mostrouse especialmente preocupada pola omisión da violencia de xénero. “Os machos alfa das forzas estatais dedicaron menos de un minuto a falar da violencia contra as mulleres no único debate público desta campaña”, recordou Presas.

A cabeza de lista do BNG por Ourense tamén subliñou que Galiza foi vangarda nas mobilizacións contra a reforma da lei do aborto e pediu que o novo goberno do Estado garanta a prestación do servizo de interrupción voluntaria do embarazo no ámbito sanitario público, ao tempo que elimine as restricións ás mozas de 16 e 17 anos.

Carme Adán, parlamentaria por Pontevedra, puxo a Barbadás coma “exemplo do que se pode facer desde un concello pola transformación da vida das mulleres”. Adán incidiu en que para o BNG “as políticas de igualdade non son un engadido, senón un aspecto central da acción de calquera goberno, e por iso deben desenvolverse de xeito transversal en calquera proxecto que aspire á transformación social”. Ourense, 20 de xuño de 2016