Como non imos ter présa se cada mes desaparece un pobo en Galiza?

Como non imos ter présa se cada mes desaparece un pobo en Galiza?

  • “Urxe un xiro radical, que deputadas nacionalistas garantan que Galiza sexa condición para a toma de decisións que nos afectan”, di Noa Presas
  • “Sempre que o BNG está nas institucións o pobo avanza”, asegura a parlamentaria Tereixa Paz

“Ourense está nunha situación de emerxencia vital e urxe un xiro radical, que deputadas nacionalistas garantan que Galiza sexa condición en Madrid para a toma de decisións que nos afecta”, dixo esta tarde Noa Presas, número un da candidatura ao Congreso do BNG por Ourense, no mitin central da candidatura. “Ourense non pode ser só unha parada no AVE que os deputados collan para Madrid. Nun contexto sen maiorías e con debates abertos tan importantes como o financiamento, o BNG será unha voz propia que só dará o apoio ao presidenciable que acepte garantir un ingreso vital mínimo para as persoas sen ingresos e aplicar a tarifa eléctrica galega para termos un 30% de aforro na factura”.

A cabeza de lisa por Ourense sinalou que o Bloque Nacionalista Galego é “a única forza lexitimada para garantir que coa súa presenza se defenderán os intereses de Galiza e non se permitirán meses perdidos sen derrogar as reformas laborais e reverter o abuso do PP contra os traballadores, pensionistas e mocidade en situación de emerxencia vital”. Presas criticou o desinterese polos asuntos de Ourense do resto de formacións políticas e, en referencia á cancelación do debate de V televisión previsto para onte, dixo: “O pouco que lle importa Ourense ás forzas estatais quedou demostrado non só nestes case seis meses de tempo perdido, tamén na propia campaña electoral. Teñen tan pouca intención de ser algo máis que os brazos de madeira dos seus xefes madrileños que nin se atreven a debater”.

Ademais, insistiu Presas na urxencia da situación: “Nós si temos présa en cambiar as cousas. Nos últimos cinco meses o censo de residentes en Galiza baixou nuns mil habitantes cada mes, iso é como si cada mes desaparecese un concello do tamaño de Vilar de Santos ou Gomesende. Como non imos ter présa?”.

Ana Pontón, a portavoz nacional do BNG, retou a Núñez Feijóo a un debate en Televisión para abordar os problemas de todos os galegos e galegas. No mitin central de Ourense,  a nacionalista lembrou que durante o período no que Feijóo estivo na oposición, a TVG celebraba debates electorais  e Feijóo participou nun debate xunto aos candidatos do BNG e POSE e preguntou porqué “agora non ten a valentía de debater cara a cara co BNG?”. Ana Pontón asegurou que o PP ten medo a debater co BNG como demostrou  o candidato do PP por Ourense que se negou a participar nun debate en V Televisión. Pontón recalcou que tras o 26X “non haberá maiorías absolutas” e nese contexto a representación do BNG “pode ser clave” para conformar o goberno e usar  ese poder en favor de Galiza.

No mitin, celebrado no Auditorio de Ourense, tamén participaron Francisco García, alcalde de Allariz e número dous da candidatura, Diego Lourenzo, tenente de alcalde de Verín en número catro, e o candidato ao Senado Xacobe García, e a deputada por Ourense Tereixa Paz. “Temos as listas máis xóvenes, as listas máis mozas d todos os partidos políticos e non por iso as listas menos preparadas ou as listas menos interventivas. Apostar pola mocidade tamén é configurar candidaturas nas que as mozas e mozos estean. Outros, prefiren usar as mozas para colocalos detrás do atril nos mitins. Aplaudir e nada máis”, denunciou Diego Lourenzo na súa intervención. A parlamentaria Tereixa Paz incidiu na “importancia de estar onde se toman as decisións” e sinalou que “sempre que o BNG está nas institucións o pobo avanza”. Paz afirmou que “o BNG é a esperanza de que Galiza poida mirar con optimismo ao futuro”. Ourense, 15 de xuño de 2016