[ E ] Ángel Amaro "O BNG é a nova política que cómpre para Ourense e Galiza"

[ E ] Ángel Amaro "O BNG é a nova política que cómpre para Ourense e Galiza"

Ángel Amaro Quintas, natural de O Pereiro de Aguiar, ten 27 anos e actualmente é un investigador social desempregado. Licenciado en socioloxía, ten un máster en investigación educativa e fai estudos de doutoramento en Estudos de Xénero. Como independente aposta polo BNG-AA integrando a candidatura no núm 8. Falamos con él de políticas para fomentar o retorno, democratizar o sistema de coidados e garantir a equidade de xénero en todo os eidos, campos do seu activismo social.

Foto1Emigrante retornado e independente, por que dar o paso para sumarse á candidatura do BNG-Asembleas Abertas?

Independente non é sinónimo de indiferente. Nun contexto recentralizador e onde campa as súas anchas a liquidez posmoderna da “fin das ideoloxías” é o mínimo que se pode facer como cidadán: apostar por unha candidatura nacionalista e cidadá que ten propostas soberanistas, nomeadas con linguaxe de esquerdas e cunha estratexia municipalista nitidamente galega. A miña intención como mozo emigrante retornado é sumar dende fóra a unha proposta cidadá que vexo sensata, necesaria e ben definida. Son tempos de identificarse coas ideoloxías cando estas son despolitizadas, estigmatizadas ou baleiradas de todo sentido. Velaí a verdadeira “nova política” que cómpre para Galiza. E non a de algúns partidos novos que abandeiran ideas vellas.

Cando os medios de comunicación falan da “diáspora galega” fan referencia a outras latitudes alén das fronteiras do Estado español, que particularidades ten a emigración que non supera esas fronteiras?

No meu caso eu estiven emigrado 13 anos no País Valencià e a miña experiencia identitaria foi bastante precaria. A miña realidade migratoria é negada en toda as accións de goberno. O mesmo Estado que nos bota da terra néganos o dereito a nomearnos “emigrante” ou “retornado” polo simple feito de “desprazarnos internamente”. Está claro que a administración central que invisibiliza a identidade nacional galega ten moito interese en desdebuxar o drama migratorio do que sempre sacou beneficios. Descapitalizan os sectores produtivos básicos, agudizan o éxodo rural, faise inexistente o emprego no rural e os servizos públicos de proximidade, esmorece o florecemento cultural e a lingua, etc. Todo atado y bien atado.

foto5Que accións de goberno podería facer un concello nacionalista para promover o retorno das/os mozas/os que están espalladas/os polo Estado español?

En primeiro lugar, facer un diagnóstico detallado da realidade actual e pasada. Non podemos esquecer que dende o boom do ladrillo o éxodo rural non fixo máis que agudizarse. Cómpre aprobar paquetes de medidas para aquelas familias que no seu destino de migración están en situación de pobreza extrema e queiran retornar (polo menos que poidan contemplar a opción dun retorno digno ás aldeas e vilas). Un concello nacionalista debería dinamizar xornadas e mesas sectoriais con expertas/os, ciberactivistas, mocidade retornada, asociacións, etc. Pór rostro, nome e reivindicación ás particularidades da diáspora no Estado. Coordinación interdepartamental, intermunicipal e en clave de país. Potenciar o asociacionismo xuvenil na diáspora pode ser unha boa forma de canalizar achegas e demandas, frear a desgaleguización, recoñecer publicamente a sangría migratoria, etc. Facer plans estratéxicos que potencien sectores produtivos clave para as nosas comarcas: economía verde, agricultura ecolóxica, ecoturismo, rehabilitación e patrimonio, autoemprego, servizos sociais, cooperativismo, dinamizacións locais de todo tipo, recuperación de tecidos socioeconómicos arrasados pola crise-estafa, etc.

Como activista coñeces os fenómenos do cyberbullying, acoso sexual nas rúas, micromachismos... Existen múltiples sexismos que cómpre erradicar de xeito urxente e estrutural; que pode esperar a cidadanía ourensá da acción de goberno municipal do BNG-AA?

As ourensás e ourensáns poden ter a convición de que un concello nacionalista e feminista será a mellor ferramenta para mudar este estado de cousas. Cómpre despatriarcalizar a vida cotiá do concello de Ourense mediante un urbanismo feminista onde toda as persoas poidan facer uso do espazo público, potenciar uns servizos sociais transformadores e con perspectiva de xénero que rachen con vitimismos e status quo, etc. Para ter unha rúas diversas e lilás nunha cidade antipatriarcal cómpre coeducar. Unha tarefa inxente que se debería concretar na potenciación de espazos compartidos de encontro, reflexión e formulación de propostas de goberno. Gobernanza feminista para unha acción municipal en clave de xénero.

Un activista feminista coma ti, como ve de prioritaria a normalización da diversidade afectivo-sexual nas políticas do BNG-AA?

Dende a miña experiencia na diáspora como activista LGTBI penso que cómpre ter en conta que a diversidade afectivo-sexual é un feito humano que sempre enriquece os pobos en todo os sentidos. Nomear adecuadamente a todas/os as/os compañeiras/os é un exercicio radicalmente democrático que nos dignifica a todas/os. Empatizar coas vítimas da LGTBIfobia, coas persoas LGTBI que tiveron que facer un éxodo rural por causas obvias, aceptar a multiplicidade das afectividades existentes, respectar os diversos modelos familiares que hai, etc. Ser soberanista implica entender o corpo como o primeiro espazo de rebeldía, democracia e liberdade. Hai un lema feminista que sentencia: “a nosa cona, as nosas regras”. Pois ben poderíamos redimensionalo da seguinte forma: “os nosos afectos, o noso espazo de soberanía”.

No relacionado coa violencia de xénero intraxuvenil e a erradicación da LGTBIfobia, o bullying sexista, etc., que propostas novas resaltas como eixos de acción dende a política local?

Un concello nacionalista terá un rol e unha vontade determinante neste sentido. Mediante plans municipais é posible artellar mesas sectoriais, xornadas temáticas e recursos lúdico-formativos. Pór o foco na visibilización do fenómeno. Erradicar as violencias do patriarcado atinxe a moitas administracións, pero dende o ámbito local hai marxe de manobra e moitas opcións para a acción municipal. Cómpre coordinar axentes implicadas, pór en común, sensibilizar a poboación, facer campañas específicas, etc. Unha administración nacionalista e feminista non será allea a existencia doe bullying sexista ou violencia de xénero intraxuvenil. Dende o local cómpre adiantar pola esquerda e con ambición a Lei 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia. É unha ferramenta que -con tódolos seus déficits- pode servir como punto de partida para avanzar na construción dun concello sen homofobia, lesbofobia, bifobia e transfobia. En relación á violencia de xénero intraxuvenil tamén cómpre facer un estado actual da situación, potenciar unha Mesa ou Observatorio da Convivencia Escolar e partir da lexislación autonómica sobre a materia: Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

O BNG-Asembleas Abertas emprega sempre linguaxe inclusiva, a loita pola equidade de xénero na linguaxe está máis viva ca nunca?

Por suposto. A loita cotiá desenvólvese tamén nos conceptos, discursos e epistemoloxías. O movemento antirracista, feminista e de liberación sexual deunos moitas leccións históricas ao respecto. Debemos pór nome ás violencias específicas, identificar con precisión os procesos identitarios e reaprender constantemente das/os nosas/os compañeiras/os. En cuestión de dereitos humanos debemos estar sempre realfabetizándonos e deconstruíndonos. Non podemos pensar que baixo o paraugas do “os” estamos a incluír a toda as persoas e toda as realidades. O proceso de masculinización na linguaxe nunca cesou e agora, con máis virulencia ca nunca, volve aflorar o neomachismo e as actitudes paternalistas. Na batalla da linguaxe os homes antipatriarcais temos un rol crucial xa que constantemente debemos reformularnos privilexios, inercias e certos status que o heteropatriarcado nos outorga polo simple feito de nacer con pene ou ter barba. As masculinidades contrahexemónicas son básicas para desestabilizar o heteropatriarcado e as súas lóxicas binarias de negación, asimilación, invisibilización, etc. “Socializar o feminismo, tecer espazos de rebeldía antipatriarcal”.

No BNG-Asembleas Abertas fálase de Ourense como motor da comarca. En relación ao teu activismo, como cres que se podería incorporar a perspectiva de xénero nos procesos de recomarcalización?

Facendo unha análise pormenorizada da situación das mulleres e das minorías afectivo-sexuais nas contornas rurais e urbanas. É dicir, tendo diagnósticos coparticipados por todas as axentes sociais implicadas. É posible se se inicia un proceso ambicioso e constituínte en cada comarca: vila a vila e parroquia a parroquia. Neste sentido cómpre vontade nacional para situar este proceso local enmarcado nun proxecto global de redemocratización e soberanismo pleno. Unha comarca antipatriarcal deberá loitar activamente contra as violencias baseadas no xénero (VBX); e fará esforzos en potenciar a economía feminista, democratizar o rural, pór en marcha políticas activas para afrontar a crise de coidados, garantir a sostibilidade da vida, dignificar o patrimonio inmaterial das mulleres, etc.

Foto2Memoria histórica feminista e LGTBI. Cóntanos un pouco sobre esta idea-forza no programa do BNG-Asembleas Abertas

Precisamos artellar identidade colectiva, parroquial e comarcal cunha perspectiva de xénero e dende un proceso constituínte feminista. Investigar, pór en valor, socializar saberes e facer da esfera local un espazo digno de ser habitado. Unha patria feminista debe afondar na recuperación das memorias negadas, das historias agochadas e dos traballos silenciados. Nese sentido temos unha débeda histórica coas nosas maiores, coa cultura LGTBI, coas exiliadas, coas creadoras, etc.

Exiliad@s, emigrantes, diáspora... moitas palabras para describir unha realidade recurrente.

O concepto de “diáspora” vai máis alá do simple feito de desprazarse fisicamente. É tamén un posicionamento emocional ante un proceso vital determinado. Hai diásporas afectivas, sexuais, identitarias, vivenciais, etc. Realmente o retorno é un proceso definitivo e pechado? O drama da emigración racha familias e solapa proxectos persoais. Cando non se elixe emigrar, a diáspora imponse, aínda que hai emigrantes galegas/os que non asumen o contexto sociopolítico e nin se asumen parte dunha diáspora nin incluso parte dunha nación colonizada (isto xa sería alienación, como diría Marx). Coido que asumirnos diáspora afonda na revolución dos afectos, na asunción do internacionalismo, no apoio mutuo, nos espazos compartidos e na repolitización das emocións. Hai tantas Galizas como contrahexemonías, lecturas descolonizadoras e experiencias migratorias.

Soberanismo, internacionalismo e feminismo, ¿cómo crees que se deberían artellar estas ópticas dende o municipalismo?

O eido do cotián é o espazo de proximidade onde a democracia participativa atopa a súa máxima razón de ser. É no asemblearismo de base, de barrios, parroquial ou mancomunado onde se aprecia historicamente esta ferramenta xenuína do soberanismo. As dinámicas locais son onde se asentan as micropolíticas que deberán tecer o país en clave feminista, ecoloxista e socialista. Unha Matria verde, roxa e lilá. Xuntas/os dende abaixo e traballando en rede, rexeitando as violencias patriarcais, asumindo o decrecemento, socializando liderados e asumindo coresponsabilidades.

[ E ] Ángel Amaro "O BNG é a nova política que cómpre para Ourense e Galiza"