Novos criterios de financiamento local para que os concellos galegos non sigan discriminados

Novos criterios de financiamento local para que os concellos galegos non sigan discriminados

A participación dos concellos nos tributos do Estado (PIE) é unha liña financeira garantida a través do artigo 142 da Constitución, que ten como principal finalidade contribuír cos recursos suficientes para os concellos atenderen as competencias locais. Ten unha magnitude importante, dado que representa arredor do 30 por 100 dos ingresos municipais, só superada polos tributos propios que son case o 50 por 100.

Segundo a previsión de entregas para 2016 por Comunidades Autónomas, Galiza cun 6,24 % de poboación apenas recibirá o 5,05%. Os concellos galegos perden 50 euros por habitante, ao situarse de media en 209 euros fronte aos 259 do Estado. En 2016 os concellos galegos no seu conxunto perderán, polo tanto, 136.617.350 euros segundo esta estimación.

Este mércores, Noa Presas, Diego Lourenzo e Paco García explicaron en rolda de prensa a proposta do BNG-Nós para modificar este reparto de modo que os concellos galegos non sigan discriminados. A cabeza de lista do BNG por Ourense mantivo unha reunión con responsables municipais e despois sinalou que “hai que ir cara un novo modelo de financiamento estatal aos concellos, porque o actual é inxusto para os concellos galegos”.

“Para nós é moi importante que se cambien os criterios de reparto. Primeiro, porque é unha inxustiza que non se teñan en conta o número de núcleos de poboación aos que temos que atender os concellos galegos, ou a extensión e que se prime a cifra de habitantes”, explicou pola súa banda Paco García, alcalde de Allariz e número catro da candidatura do BNG ao Congreso por Ourense. “No noso concello, si recibiramos simplemente a media por habitante do Estado, pasaríamos a dispor de un millón e medio de euros, practicamente medio millón máis do que recibimos na actualidade”, dixo García e engadiu: “Enténdese que iso incrementaría notablemente a capacidade para atender as necesidades dos veciños”.

O que sucede, explicou o candidato, é que “cando debatemos esta proposta no Congreso ou no Senado, as mesmas forzas estatais que aquí apoiaron a iniciativa do BNG no Parlamento galego ou na Fegamp, alí votan en contra... pasa con outro tipo de reclamacións como a AP-9 ou a tarifa eléctrica”.

pie5 pie3 pie2 pie1

Novos criterios de financiamento local para que os concellos galegos non sigan discriminados