A Banca rouba ao povo, referendo xa!

A Banca rouba ao povo, referendo xa!

Este Martes 12 de xuño o BNG convocou concentracións nas cidades galegas para reclamar un referendo sobre o resgate económico e o procesamento dos responsábeis da situación na que se atopa o estado e o noso país pois O resgate ao Estado español por valor de 100.000 millóns de euros vai ter un beneficiario -a banca privada, que poderá pagar as súas débedas e sanear os seus balanzos- e unha vítima ben evidente -as maiorías sociais e os pobos, a comezar por Galiza- que somos os paganos da operación e os que teremos que pagar a factura en forma de novos recortes e do deterioro da nosa calidade de vida.

O Goberno español non ten lexitimidade democrática para adoptar a decisión de solicitar o resgate. Non a ten porque ninguén o votou para facer iso. Queremos democracia e queremos transparencia. Exiximos un debate social moi profundo sobre o resgate e as súas terríbeis consecuencias para as maiorías. Exiximos, portanto, a convocatoria dun referendo, de maneira que a sociedade exerza o seu dereito a decidir.

O resgate é duplamente negativo para Galiza porque non só vai castigar as súas maiorías sociais, senón porque destruirá o sistema financeiro galego.

Con efeito: a Unión Europea condiciona o resgate a unha nova rolda de fusións no sistema financeiro. Rolda de fusións que inevitabelmente se irá traducir na absorción de Novagaliciabanco pola Bankia nacionalizada. Resulta escandaloso que ante algo tan evidente Feijóo se manteña absolutamente en silencio e sen facer ningunha proposta para evitar o espolio do aforro galego.

As únicas alternativas son as que pon sobre a mesa o BNG: novo papel do Banco Central Europeu -que o BCE financie os Estados e non os bancos- e Banca Pública, no noso caso Banca Pública Galega.

A enorme desfeita que provocou o resgate ten culpábeis con nomes e apelidos. É preciso depurar as súas responsabilidades. Que se constitúan as comisións de investigación que o BNG leva pedido quer no Congreso quer no Parlamento Galego. Que se reforme, se for preciso, o código penal para que as persoas responsábeis sexan castigadas.

O PP veta as comisións de investigación porque ampara e protexe os responsábeis dun desastre que lle vai custar ao erario público arredor do 25 por cento do PIB do Estado español (se sumamos aos 100.000ME deste resgate os 150.000 xa entregados á banca polo Estado desde que estourou a crise).

Trátase dunha estafa xigantesca, unha estafa que se está levando por diante o traballo e o benestar social de millóns de persoas. Unha estafa que ten que ser investigada, xulgada e penada polos tribunais de xustiza.

Caso de non se constituíren as comisións de investigación, o BNG vai promover unha auditoría social sobre a orixe desta estafa. Unha Auditoría que nos permita coñecermos como chegamos até aquí e quen foron os responsábeis (tanto no ámbito político como no ámbito financeiro) dunha catástrofe económica e social sen precedentes.

En Democracia a sociedade ten dereito a saber. O BNG porá todos os medios ao seu alcance para que ese dereito se cumpra.

A Banca rouba ao povo, referendo xa!