O BNG propón incluír Ourense dentro da rede de Cidades Amigábeis coas Persoas Maiores

O BNG propón incluír Ourense dentro da rede de Cidades Amigábeis coas Persoas Maiores

No Grupo de Traballo, no que participarán as persoas maiores, faranse propostas para adaptar a cidade ás súas necesidades en todos os ámbitos.

O BNG propón, no marco do Consello Municipal de Persoas Maiores, un Grupo de Traballo para que se promova a inclusión de Ourense na rede de Cidades Amigas das Persoas Maiores desenvolvida pola OMS (Organización Mundial da Saúde), proposta incluída no Programa Eleitoral do 2011 (páx.40). 

O Programa de Cidades Amigábeis coas Persoas Maiores é un Proxecto internacional para axudar ás cidades a prepararse para dúas tendencias demográficas mundiais: o avellentamento rápido da poboación e a urbanización crecente. O programa está dirixido aos factores ambientais, sociais e económicos que inflúen na saúde e o benestar das persoas maiores.

No 2006 a Organización Mundial para a Saúde (OMS) reuniu a 33 cidades de 22 países nun proxecto destinado a determinar os principais elementos do entorno urbano que facilitan o avellentamento activo e saudábel. O resultado foi a publicación 'Cidades Globais Amigábeis cos Maiores: Unha Guía' na que se establece o marco para evaluar a adaptación das cidades ás necesidades das persoas maiores. Un aspecto fundamental é contar coa participación activa desas persoas.

Dende o BNG proponse un Grupo de Traballo integrado por membros do Consello Municipal de Persoas Maiores e aberto á participación das persoas maiores no que se traballe na lista de control que propón o proxecto de cara a adaptar a realidade de Ourense aos estándares da Guía do Proxecto co obxetivo de incluír a Ourense dentro do grupo de cidades que xa fan parte do mesmo.

Na guía identifícanse oito dominios da vida urbana que pode influír na saúde e a calidade de vida das persoas maiores: Espacios ao ar libre e edificios, transportes, vivenda, participación social, respeito e integración social, participación cívica e emprego, comunicación e información e apoio da comunidade e servizos de saúde. Todos eles deberán ser avaliados en Ourense a través do Grupo de Traballo para a inclusión da cidade no grupo de 'Cidades Amigas das Persoas Maiores' que no estado español xa integran Donosti, Bilbao, Barcelona e Zaragoza.

A proposta foi aceitada na reunión deste martes 11 de decembro na que se fixou xa data para a primeira convocatoria do Grupo de Traballo que terá lugar en xaneiro.

Ourense, decembro de 2012