O BNG PRESENTA NA DEPUTACIÓN DE OURENSE MEDIDAS PARA FREAR AS CONSECUENCIAS DA COVID-19 NAS RESIDENCIAS DE MAIORES

Beranardo Varela Deputación Ourense
Beranardo Varela Deputación Ourense

Para o BNG o pleno da Deputación provincial de Ourense debe pronunciarse ao respecto da situación xeral que afecta ás Residencias e Centros de persoas con diversidade funcional e maiores

O BNG PRESENTA NA DEPUTACIÓN DE OURENSE MEDIDAS PARA FREAR AS CONSECUENCIAS DA COVID-19 NAS RESIDENCIAS DE MAIORES

O BNG leva ao pleno da Deputación de Ourense  un conxunto de propostas coas que por  freo ás consecuencias da Covid-19 en residencias de maiores,  as cales voltan ser un importante foco de contaxio nesta segunda onda da pandemia.  Feito de especial gravidade na provincia máis avellentada do Estado español.

Bernardo Varela, voceiro do grupo provincial do BNG de Ourense, puxo de manifesto no momento de presentar a moción, a mediados do mes de outubro que “a día de hoxe, 38 residencias para persoas maiores das 260 existentes en Galiza (residencias e fogares residenciais) teñen coronavirus entre súas usuarias e traballadoras, o que representa o 14,62% do total de residencias. En total, 676 usuarias e traballadoras están contaxiadas (417 usuarias, 159 traballadoras)”. En troques “só o 1,44% das usuarias afectadas polo coronavirus neste momento en Galiza están ingresadas en residencias con xestión pública, e a porcentaxe sube se falamos do persoal, o 6,29% do total das traballadoras afectadas pola covid en residencias laboran na pública. Hai que dicir que o tan só o 15% das residencias en Galicia teñen xestión pública (39 residencias de 260)”

 Para o grupo provincial nacionalista a actual situación non fai máis que aflorar unha situación previa de carencias nos Centros Residencias, como xa foran denunciadas no “informe de fiscalización do gasto en atención a residenciais a persoas maiores e dependentes “  do Consello de Contas de Galiza do ano 2018. Este informe xa poñía de manifesto as deficiencias das residencias privadas, e en boa parte construídas con cofinanciación pública, fronte ás de xestión pública, que agora son menos sensibles ao impacto da pandemia, tanto para usuarias como para as traballadoras e traballadores destas residencias.

Diante desta realidade, o BNG proporá no pleno da Deputación provincial, previsto para esta sexta-feira 30 de outubro, que a Deputación de Ourense exprese a súa esixencia á Xunta de Galiza de blindar as residencias privadas perante a segunda onda da Covid e posíbeis repuntes co obxectivo de garatir o cumprimento escrupuloso dos protocolos. Nesta mesma liña, manifesta Varela, “a Deputación debe demandar á Xunta de Galiza ampliar os cribados periódicos anunciados para o persoal e usuarias das residencias ao conxunto de servizos sociais de Galiza, incluíndo os centros de menores e o Servizo de Axuda no Fogar.” 

 Para o BNG tamén é crucial que desde a Deputación se inste á Xunta de Galiza a proporcionar accesibilidade e total  transparencia á cidadanía de todos os datos;  polo que demanda  que  fagan públicos os expedientes abertos ás residencias galegas, así como os datos referidos á incidencia da Covid-19.

 Á vista dos datos faise especialmente necesario un novo modelo de residencias, polo que o voceiro nacionalista esixirá que a corporación provincial manifeste o seu compromiso de condicionar as axudas públicas da Deputación de Ourense para novas residencias ou a ampliación das xa existentes, a que estas sexan de xestión pública e directa por parte da Xunta de Galiza ou o órgano de xestión que esta estableza. Comprometendo a súa atención a un modelo máis achegado ás persoas dependentes, e que non se supere un límite de 35 prazas por unidade de atención para permitir un trato personalizado; así como o límite de dous usuarios por habitación e baño dispoñible na mesma.

O BNG PRESENTA NA DEPUTACIÓN DE OURENSE MEDIDAS PARA FREAR AS CONSECUENCIAS DA COVID-19 NAS RESIDENCIAS DE MAIORES