Apoio e solidariedade coas mozas e mozos das organizacións que secundaron o #pecheOurense

Apoio e solidariedade coas mozas e mozos das organizacións que secundaron o #pecheOurense

O BNG quere amosar o seu apoio e solidariedade coas mozas e mozos das organizacións que secundaron o #pecheOurense a pasada noite e condenar a brutalidade policial coa que foron desaloxadas pasadas as 2.30h da mañá pola policía nacional cando exercían o seu dereito a reclamar un ensino público, galego, gratuito e de calidade.

O BNG defende que a Educación é un dereito e por isto presentou unha moción para o pleno de mañá venres na defensa do Ensino Público, pois entendemos que os gobernos teñen a obriga de garantir nas mellores condicións posíbeis. Só a través do ensino público se poden minorar as diferenzas sociais e se poden formar as xeracións do futuro nos valores da liberdade, da igualdade, dos dereitos humanos e da democracia. O ensino non é unha mercadoría. Nunca pode ser medido con criterios de rendibilidade económica. A súa oferta e calidade debe estar garantida para todas e para todos, independentemente da procedencia socioeconómica ou xeográfica de cadaquén, aplicando as medidas compensatorias necesarias para garantir a igualdade de oportunidades.

Por iso mesmo, nun momento de crise económica é cando cómpre fortalecer os servizos públicos e manter as dotacións necesarias para que non perdan calidade e para que o conxunto da cidadanía, esa que está a sufrir a crise, non se vexa privada dos seus dereitos.

Mais iso non é o que sucede hoxe. O actual goberno galego veu aplicando sucesivos recortes ao ensino público e reduciu en 425 millóns os orzamentos en relación aos de 2009, o que provocou a perda de máis de 2.000 docentes e a conseguinte falta de dotación necesaria para facer fronte á atención á diversidade, ao reforzo educativo e ás necesidades educativas especiais, é dicir, a todas as necesidades que ten o sistema educativo galego. Xunto a isto, a Administración galega eliminou a gratuidade dos libros de texto e non cobre as baixas do profesorado inferiores a quince días. Gastáronse millóns en tirar con libros por estaren en galego e en facer propaganda da eliminación da gratuidade dos libros, mentres mantiñan e incrementaban as axudas aos centros privados concertados, mesmo cando segregan o alumnado por sexo.

A sociedade galega non merece que o ensino, onde deben medrar e formarse as xeracións do futuro, sexa tido en tan pouca consideración polo goberno galego. Co pretexto da crise, golpéase, de maneira grave, o ensino público, pondo en cuestión o dereito á educación das clases populares. Por iso, pedímoslle que rectifique e que, como primeira medida, se posicione en contra dos recortes que agora nos quere aplicar o goberno do Estado.

En defensa do ensino público e en apoio ás mozas e mozas desaloxadas da Biblioteca Municipal o BNG quere sumarse á concentración que terá lugar hoxe ás 20.00h diante da Delegación de Goberno de Ourense.

Galiza, 30 de maio de 2012

Executiva Local do BNG

Apoio e solidariedade coas mozas e mozos das organizacións que secundaron o #pecheOurense