O BNG avalía os seis meses "irrespetuosos e antidemocráticos" do cogoberno municipal

Sinalan o "carácter continuista" de DO e PP ademáis de non ter un proxecto de futuro para o Concello de Ourense

O BNG avalía os seis meses "irrespetuosos e antidemocráticos" do cogoberno municipal

O grupo municipal do BNG avaliou os seis primeiros meses de mandato após o "Pacto da Vergoña" entre DO e PP sinalando que o cogoberno municipal está a seguir a senda política do mandato anterior e carecendo dun proxecto de futuro para Ourense. Unha "pésima" xestión e as ocorrencias do alcalde, son algunhas das receitas que se viron desenvolvendo ao longo deste período así como as promesas incumpridas e o cambio de bando.

"Foron seis meses dun goberno incompetente que segue a manter a mesma folla de ruta que o mandato anterior e que continúa atascado nos mesmos problemas que hai uns meses" sinalou o voceiro municipal do BNG, Luis Seara. "Seis meses de conflicto e ridículo institucional, instalados no discruso da ocorrencia permanente e no mesianismo. Incapaz de levar a cabo un proxecto de futuro coherente para a cidade e que conte co respaldo social. Seis meses sen sacalo do descrédito e da situación de parálise no que se atopa" destacou.

Para o BNG hai algúns sinais característicos deste cogoberno municipal como comportamento estriónico, dictatorial, maleducado e antidemocrático. " O alcalde vese respaldado polo PP que acepta actitudes impropias e antidemocráticas" sinalaron. Cualificáronno como "expulsador precoz con pouca memoria" posto que durante os seus anos na oposición tivo un papel "moito peor do que agora ten a oposición ou os colectivos que veñen a ver o pleno do Concello de Ourense".

Foron uns meses onde o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, "tivo insultos para todos: ós portavoces da oposición, ós concelleiros e concelleiras, ó funcionariado, ás traballadoras, á Policía Local, etc." Así como tamén unha actitude pouco democrática para os membros do cogoberno dificultando a labor da oposición: tardanza en contestar ás preguntas, en dar acceso aos expedientes- e mesmo sendo denegados accesos aos expedientes-, en responder as Xuntas de Área. Incluso a ausencia de moitos concelleiros e concelleiras a acudir aos espazos de fiscalización do goberno "casualmente non acuden aqueles que teñen adicación exclusiva".

Inacción e xestión deficiente

Seara sinalou que os plenos están sendo empregados para facer aprobacións de recoñecemento extraxudicial de créditos para pagar facturas atrasadas. Estas accións poñen en risco a pervivencia de entidades prestadoras de servizos sociais que aínda están esperando a obter os cartos que o Concello de Ourense lles debe do ano 2018.

O mesmo está a acontecer coas rúas, parques e xardíns da cidade de Ourense, onde o mantemento é escaso e dende o BNG dubidan de que o cogoberno municipal teña claras as colucións. Destacaron tamén que DO se deixará influenciar polo Partido Popular e construíran o novo parque de skate no parque do Couto, acción que contaría coa oposición das veciñas e veciños do barrio así como do BNG. Seara tamén destacou o abandono das zonas do rural no que vai de mandato.

"Despilfarro"

Co aumento no número de asesores, ascendendo ao máixmo permitido legalmente e aumento o gasto en máis do 30%. "Non tiveron reparo en aumentar as asignacións ao grupo cun único obxectivo en concreto: ter máis diñeiro para financiar, con cartos públicos, a súa televisión privada" destacou o voceiro do BNG en Ourense.

Desmantelaron nestes meses de cogoberno a cultura coa eliminación de eventos de renome- inclusive fora das nosas fonteiras- e reduciron certames como o FITO. Mais gastaron máis de 60 mil euros na programación do San Martiño "sendo un absoluto desastre" e inclusive contratando "nalgúns casos a colectivos afíns ou a amigos".

Dilapidaron máis de 18.000 euros no Belén e o gasto do Nadal vai ascender a máis dos 500.000 euros. Asemade, perante as novas relacionadas co Belén de Baltar, o BNG sinalou que o belén de Arturo Baltar foi concebido para o espazo da capela de San Cosme e San Damián cando se remodelou a capela. "Foi o propio Arturo Baltar onde desexaba que permanecera. Calquera outra ubicación para ese Belén desvirtuaría a obra e, a maiores, suporía un desleixo contra o propio autor que el mesmo participou na súa colocación" engadiron.

Para o BNG, a Igualdade estivo ausente nestes seis meses de mandato, destacando o intento da retirada do "Protocolo VioGen" no Concello de Ourense que tivo como resposta a mobilización do feminismo ourensán. Do mesmo xeito acontece co incumprimento das ordenanzas municipais, saltándose os acordos plenarios cando foi a cabalgata de Papá Noel e a utilización de renos durante o espectáculo.

Promesas incumpridas

Cuestións bandeira como a reapertura da Praza de Abastos do barrio da Ponte, prometendo en campaña electoral que estaría aberta en menos de 90 dís e "a única vez que se abriu foi para un acto concreto que Jácome repudiaba cando estaba na oposición". Idéntico prazo para habilitar os contedores soterrados, facendo agora un "casting cando en realidade o que é preciso, e así o están a facer outras cidades no Estado, é cambiar o modelo de recollida de lixo". O voceiro do BNG no Concello de Ourense tamén destacou a non retirada dos bolardos asasinos: "continúan aí sendo xestionados pola mesmo empresa que está en precario dende 2015 e tamén xestiona a regulación semafórica".

Desmantelaron a páxina de suxestións onde as veciñas e veciños podían escribir ao concello e "aínda estamos esperando a ver que fan co tema da retransmisión dos plenos que debería ter entrado a concurso e aínda non o fixeron".

Aprobar os orzamentos a final de ano tampouco se cumpliu, posto que o único que presentaron foi un borrador dos orzamentos onde xa se pon de manifesto que "hai 1.5 millóns de euros menos en comparación ó último orzamento aprobado datado de 2014". O apartado para investimentos, segundo Seara, "é absolutamente inexistente e ridículo ademais de que sectores estratéxicos para o desenvolvemento socioeconómico da cidade, como son turismo e termalismo, fican relegados con tan só o 1% do orzamento total".

Arroutadas e bombas

"A idea e a noticia que se leva o número un das ocorrencias é a promesa do rañaceos na finca Santa Mariña, lugar onde DO quería que se convertera no pulmón verde da cidade" destacou Seara. O mesmo aconteceu co parque acuático termal, agora supostamente ubicaranos en Untes, e mesmo o mapamundi que aínda non se sabe onde será establecido. En resumo, para o BNG é un "goberno coñecido polas súas extravagancias e escentricidades que se está a rir na cara das veciñas e veciños de Ourense" concluíron.

O BNG avalía os seis meses "irrespetuosos e antidemocráticos" do cogoberno municipal