O BNG insta a que o Goberno local aclare os límites de aforo nos autobuses urbanos e reforce o servizo nas liñas máis demandadas

IMG_2876
Os concelleiros en Ourense, Rhut Reza e Luis Seara

O Grupo Municipal lembra que, ante o actual recrudecemento da pandemia en Ourense, é preciso que se actúe para aumentar as garantías hixiénico-sanitarias nos autobuses e reducir o risco de contaxios

O BNG insta a que o Goberno local aclare os límites de aforo nos autobuses urbanos e reforce o servizo nas liñas máis demandadas

Ourense, 09 de Outubro de 2020. O BNG demanda que o Goberno local aclare cales son os límites de aforo nos autobuses urbanos da cidade e que adopte as medidas para garantir que se respeitan. Todo elo en base á situación sanitaria na que se atopa o conxunto do concello e debido ao incremento exponencial de casos nas últimas semanas.

Os nacionalistas, reclaman que se reforce con máis autobuses as liñas e frecuencias de maior demanda para evitar amoreamentos e garantir as mellores condicións preventivas fronte á Covid-19.

Desde o BNG lembran que desde o inicio da pandemia, formularon diversas propostas ao propio goberno local en relación ao transporte urbano. Estamos diante dun servizo esencial para o concello e desde o primeiro momento instouse a que se adoptasen as medidas que fosen precisas para facelo seguro.

Subliñan, ademáis, que xa advertiron de que unha vez rematado o período estival, coa reincorporación á actividade laboral e o inicio do curso académico, era máis que previsíbel un aumento importante do número de usuarios e usuarias.

Outro dos aspectos importantes a ter en conta segundo os concelleiros nacionalistas é que, en base á información da que dispoñen, e as normas actuais, poden estar o 100% dos asentos ocupados e o 50% das prazas de pé, co que temos un número de 66 persoas por autobús máis o condutor nun espazo de apenas uns 20 metros cadrados.

A ollos do BNG no concello, non podemos permitir que os autobuses circulen cun número de pasaxeiros e pasaxeiras que impide gardar a máis mínima distancia interpersoal, e que fai practicamente imposíbel evitar o contacto físico entre persoas, aumentando o risco de contaxio e a exposición tanto de usuarias e usuarios como do persoal condutor.

O BNG insta a que o Goberno local aclare os límites de aforo nos autobuses urbanos e reforce o servizo nas liñas máis demandadas