O BNG no Concello de Ourense propón a creación dunha mesa para a recuperación económica e social de Ourense

Rhut Reza e Luis Seara en rolda de prensa
Rhut Reza e Luis Seara en rolda de prensa

Dita mesa estaría formada por representantes do ámbito social, económico, político, cultural e deportivo. O obxectivo, consensuar un plan de medidas para o que queda de mandato e que permitan a recuperación socio-económica de Ourense

O BNG no Concello de Ourense propón a creación dunha mesa para a recuperación económica e social de Ourense

Ourense, 26 de novembro de 2020. Os concelleiros do Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense, Luis Seara e Rhut Reza, compareceron esta mañá diante dos medios para dar conta da iniciativa que presentarán a modo de moción para o seu debate e se procede posterior aprobación, ao pleno do concello a celebrar o vindeiro día 4 de decembro.

O obxectivo da mesma é moi claro tal e como explicou Luis Seara, "crear unha mesa para a recuperación social e económica de Ourense".

Segundo explicou Seara "a pandemia puxo todo patas arriba. Non so modificou o noso modo de relacionármonos entre nós, se non que tamén modificou os nosos hábitos de consumo". E continuou "Os efectos están a ser dramáticos, non so desde o punto de vista Sanitario, senon tamén, económico e social".

Para o portavoz nacionalista no Concello de Ourense "a pandemia estase a cebar con todos, máis nun concello como o noso, onde a industria ten pouco peso, o sector do comercio e da hostalaría están a ser as vítimas principais deste Virus, máis non son os únicos: o turismo, a cultura, o deporte, tamén están a padecer os seus devastadores efectos".

Desde o BNG amósanse preocupados ante as imaxes que "nunca pensamos que puideran ser reais. Colas interminables de persoas ás portas dun baixo para recoller comida e produtos de primeira necesidade, ducias de comercios que baixan a persiana ao non poder os seus titulares afrontar esta situación".

Ante este panorama, o Grupo Municipal do BNG entende que as administracións non poden cruzarse de brazos e mirar para outro lado, pois detrás de cada drama persoal, hai un drama social e con efectos económicos. O concello ten recursos e ten que pór eses recursos ao dispór das familias, das persoas e tamén dos sectores económicos que o precisan.

Para o BNG "a máxima irrenunciable é que NINGUÉN PODE QUEDAR ATRÁS. Hai que mobilizar os recursos que sexan precisos para que cando chegue a recuperación, agardemos que máis cedo que tarde, queden polo camiño o menor número de persoas posibles".

Así mesmo, Luis Seara advertiu de que "isto non pode converterse nunha carreira para ver quen ten a proposta máis florida ou a ocorrencia máis afortunada. Os recursos son limitados, aínda sendo moitos, e nós temos a obriga de xestionalos con suma responsabilidade". Para incidir, "Hai que atender o urxente, o inaprazable, pero hai que ter unha visión non curtopracista para definir entre todos, como e de que maneira utilizamos os recursos de todos".

Por iso, no BNG pensan que fai falla un plan para os vindeiros anos no que se poñan enriba da mesa non so medidas que pode implementar o concello se non tamén demandas históricas fronte a outras administracións. Para iso é necesario que todos os sectores do ámbito social, comercial, hostaleiro, sindical, cultural e deportivo xunto co goberno local, técnicos e o resto de grupos da corporación, traballen conxuntamente na elaboración dun plan de recuperación económica e social para Ourense.

"Falamos dun plan consensuado, con dotación orzamentaria e cun calendario de implementación que permita a reactivación socio-económica. Cunha folla de ruta clara e que asuma como obxectivo principal, superar á crise sen deixar a ninguén atrás".

A mesa que se constitúa para a súa elaboración, abordará as necesidades urxentes no ámbito sanitario, social e económico. Un reforzo sanitario a través do cal, se aumente o persoal e os servizos no CHUO. Faise necesario garantir a atención sanitaria máis aló da COVID-19.

No ámbito social, a pobreza na cidade xa supera as cifras da crise de 2008. Estamos a ver imaxes dramáticas de colas interminables para conquerir alimentos e produtos básicos, polo que é necesaria unha actuación urxente neste ámbito, tendo en conta ademáis que o concello conta cun remanente de máis de 100 millóns de euros.

No eido económico, é preciso concretar liñas de axudas dirixidas ao comercio, a hostalería, ao turismo a cultura e ao deporte. Que teña como obxectivo contribuír ao mantemento do tecido socio-económico.

É por iso que desde o BNG plantexarán no vindeiro pleno, a creación da “mesa para a recuperación económica e social de Ourense” cuxo obxectivo é o de elaborar un plan consensuado con todos os sectores económicos e sociais do concello, coa participación dos grupos políticos presentes na corporación, e a das técnicas e técnicos municipais.

O BNG no Concello de Ourense propón a creación dunha mesa para a recuperación económica e social de Ourense