O BNG critica a inacción do cogoberno municipal ante o sistema de contratación caciquil de ECOURENSE

  • Seara: “exiximos a municipalización do servizo ou a creación dunha empresa pública e a implantación dun sistema de contratación transparente”
  • A formación nacionalista critica a decisión do cogoberno municipal de empregar a sala Valente como espazo administrativo e non cultural
O BNG critica a inacción do cogoberno municipal ante o sistema de contratación caciquil de ECOURENSE

O voceiro municipal do BNG, Luis Seara, cualificou como “reparto mafioso” o sistema de contratacións na empresa ECOURENSE. Asemade, a formación nacionalista propuxo a municipalización do servizo de limpeza e abriu a posibilidade de crear unha empresa pública cun sistema de contratación de persoal transparente. Paralelamente, o BNG criticou a decisión do cogoberno municipal de converter a sala Valente nun espazo administrativo e non cultural.

O 50% dos postos de traballo encárgase o Sindicato de Traballadores da Limpeza a través  dunha suposta empresa de economía social chamada IMPREGA. O resto repártese entre medio dun difícil equilibrio de poderes e influencias: cargos directivos, encargados ou o propio Concello de Ourense. O método de selección e as accións levadas a cabo en ECOURENSE xa foron obxecto de denuncia pública por parte do tecido sindical que compón a mesa do comité de empresa.

Desde a formación nacionalista denunciaron tamén o método caciquil e de servidume que permite ECOURENSE co proceso de selección de persoal, véndose aumentado o cadro de persoal: de 164 traballadores en maio de 2016, a 217 en maio de 2020. “Incúmprese o convenio colectivo e o Concello de Ourense non está facendo nada ao respecto” sinalaron desde exixindo “un sistema de contratación con control público”.

“Estamos a falar dun servizo público que pagamos todas as veciñas do Concello de Ourense. Non se pode despilfarrar o diñeiro público nin sacar rédito político na contratación de persoal” sinalou o voceiro municipal Luis Seara. Asemade, formularon varias propostas co obxectivo de erradicar este tipo de conductas: “exiximos a municipalización do servizo ou a creación dunha empresa pública para a súa xestión e a implantación dun sistema de contratación transparente e con control municipal”.

Obxectivo: derruír a cultura no Concello de Ourense

A organización nacionalista non desaproveitou a ocasión de lembrar a loita da cidadanía de Ourense a prol de máis espazos culturais en Ourense. A decisión do cogoberno municipal de transformar a sala Valente nunha oficina administrativa apunta a estratexia formulada a comezos do mandato no reparto de áreas. “Democracia Ourensana ten unha visión mercantilista da cultura. Vímolo ao longo deste ano, podémolo ver durante o estado de alarma e a nula capacidade de comunicación co sector e vémolo agora con esta decisión” sinalaron desde o BNG.

Para a formación “existen outros espazos no Concello de Ourense que poden aproveitarse para labores administrativas mais a sala Valente conseguiuse grazas á mobilización histórica para que o Estado cedera este espazo”.

O BNG critica a inacción do cogoberno municipal ante o sistema de contratación caciquil de ECOURENSE