O BNG demanda o reforzo da liña de tren Ourense - Santiago ante o aumento de viaxeiras e viaxeiros durante o nadal

Iago Tabarés, deputado do BNG por Ourense

O Grupo Parlamentar do BNG pregúntalle á Xunta de Galiza sobre as medidas preventivas adoptadas por Renfe na liña Ourense - Santiago ante o aumento de viaxeiros así como polas xestións feitas polo executivo galego para paliar a situación

O BNG demanda o reforzo da liña de tren Ourense - Santiago ante o aumento de viaxeiras e viaxeiros durante o nadal

Ourense, 04 de xaneiro de 2021. Segundo a formación nacionalista e tal e como acontece todos os anos, nestas datas e con ocasión da finalización do período lectivo nas universidades da Coruña e Santiago de Compostela, prodúcese o regreso de moitos estudantes aos seus domicilios familiares. Como é igualmente previsíbel unha boa parte deses regresos prodúcense vía ferrocarril polo que o incremento de viaxeiros é máis que notable.

Segundo afirman desde o BNG, estamos diante dun notable incremento do número de usuarias e usuarios, e máis concretamente na liña Ourense - Santiago, dado que, a pesares das irracionais e escasas frecuencias, é dos medios de transporte máis empregados para os desprazamentos tanto por parte de traballadores como do estudantado.

Desde a formación nacionalista denuncian que malia as restricións e limitacións de aforos ordeadas pola Xunta de Galiza, Renfe non incrementou nin o número de frecuencias, nin os vagóns para permitir que ese previsíbel incremento de desprazamentos entre Ourense e a capital de Galiza se faga en condicións de seguridade sanitaria.

Segundo o deputado por Ourense Iago Tabarés, "esta imprevisión de Renfe e a indolente pasividade da Xunta de Galiza, está a provocar que contravindo o ordenado ou aconsellado por todas as autoridades sanitarias do mundo, nun mesmo vagón pechado e sen ventilación natural estén a viaxar varias ducias de persoas, e que nos arcos de seguridade, nos andéns e nas subidas e baixadas se amoreen centenares de viaxeiras e viaxeiros, co risco de contaxio que iso implica".

Para Tabarés ponse de manifesto unha vez máis "a ausencia de medidas preventivas e un plan efectivo de prevención", o que pode contribuir "a provocar o recrudecemento dunha terceira onda de contaxios por Covid-19".

Por todo elo, desde o Grupo Parlamentar do BNG, formúlanlle á Xunta de Galiza unha serie de preguntas para ser respostadas en comisión. Os nacionalistas queren saber se o goberno galego coñece o notable incremento do número de viaxeiros e viaxeiras que están a experimentar nesta época os trens da liña Ourense - Santiago. Tamén se ten coñecemento de se ese incremento do número de viaxeiros e viaxeiras vese correspondido por un paralelo aumento do número de frecuencias e vagóns. Outra das cuestións plantexadas é a referida a se o goberno galego avaliou se tal concentración de persoas nun lugar pechado non implica risco de contaxio por Covid-19 nas usuarias e usuarios e en todo caso que xestións realizou ou está a realizar para evitar a situación descrita e a cal era previsíbel.

Finalmente o BNG solicita do Parlamento, instar á Xunta de Galiza a realizar ante o Goberno do Estado as xestións pertinentes para o incremento de frecuencias e vagóns na liña entre Ourense e Santiago así como en aquelas outras nas que se produzan igualmente masificacións, a fin de reducir a concentración de viaxeiros no mesmo espazo, evitando así, o risco de contaxio por Covid-19 entre elas.

O BNG demanda o reforzo da liña de tren Ourense - Santiago ante o aumento de viaxeiras e viaxeiros durante o nadal