O BNG demándalle ao goberno do Concello de Ourense que cumpra coas libreiras e libreiros e abone canto antes as cantidades derivadas da campaña levada a cabo e consistente en agasallar cun libro á rapazada do concello

Rhut Reza e Luis Seara
Rhut Reza e Luis Seara

A formación nacionalista traslada a súa preocupación pola situación na que se atopa o sector como consecuencia da crise económica e social derivada da pandemia e agravada agora pola falla de pagamento do concello

O BNG demándalle ao goberno do Concello de Ourense que cumpra coas libreiras e libreiros e abone canto antes as cantidades derivadas da campaña levada a cabo e consistente en agasallar cun libro á rapazada do concello

Ourense, 25 de setembro de 2020. O pasado 01 de xullo o Concello de Ourense iniciou  a campaña "Un libro desconfina a túa imaxinación" "para agasallar cun libro a todos os ourensáns nados entre o 1/1/2002 e o 31/12/2016. Esta acción tiña como obxectivo, fomentar a lectura entre a mocidade ao tempo que axudar o comercio local e, concretamente, o sector libreiro, especialmente afectado polo peche decretado polo estado de alarma".

Dese xeito argumentaba o goberno local a  posta en marcha da campaña. Desde o BNG  valorouse positivamente esta iniciativa, se ben é certo, a iniciativa tiña algunhas lagoas na súa implementación.

O que neste momento quere denunciar o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense é que unha vez rematada a campaña o pasado 14 de agosto, as libreiras e libreiros da cidade aínda non percibiron por parte do concello as cantidades que a cada un deles lles correspondería en base aos libros despachados dentro da mesma.

Esta situación agrava notablemente á situación na que xa de por sí, e coma consecuencia da crise económica e social derivada da pandemia da COVID-19 está a padecer o sector.

Desde o BNG entenden que é preciso que cando se deseña e se pon en marcha unha campaña destas carácterísticas todos os procedementos de pago deben efectuarse á maior brevidade posible, xa que, como acontece neste caso, as libreiras e libreiros tiveron e teñen nestes momentos, que facerse cargo dunhas cantidades que, lóxicamente, tal e como aseguran os nacionalistas, varían duns libreiros a outros, pero que en todo caso repercuten de xeito notable nas súas contas.

Instan desde o BNG ao goberno local a que á maior brevidade posible abone as cantidades que a cada unha das libreiras e dos libreiros da cidade lle corresponda como consecuencia de ter participado na campaña "un libro, desconfina a túa imaxinación".