O BNG denuncia a falta de diálogo co sector e a improvisación da Xunta de Galiza en relación aos Centros de día

Noa Presas

Presas: “hai que prestar especial atención a esta situación en Ourense” como provincia máis avellentada de Galiza

O BNG denuncia a falta de diálogo co sector e a improvisación da Xunta de Galiza en relación aos Centros de día

A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, trasladou o seu rexeitamento ante a decisión tomada pola Xunta de Galiza a respecto dos centros de día e solicítalle ao executivo galego que dialogue co sector para elaborar un plan de desescalada. Presas apuntou a que existe a posibilidade de arbitrar medidas progresivas que permitan a continuidade de tratamentos terapéuticos que sexan prioritarios como aqueles de doenzas neurodexenerativas.

Ante o anuncio lanzado polo goberno do Partido Popular na Xunta de Galiza en relación aos centros de día, o BNG criticou esta decisión tildándoa de “improvisación” e sinalando que están a cometer os mesmos erros nos centros de día que aconteceron coas residencias de maiores: “con continua confusión entre as Consellerías de Sanidade e Política Social, que parecen áreas de dous gobernos diferentes”. Afirmaron tamén que a Xunta está inmersa na “improvisación e na soberbia” en vez de “dialogar cos sectores profesionais do centros de día para abordar unha desescalada planificada”.

As nacionalistas lembroulle á Xunta de Galiza que primeiro anunciou para a segunda quincena de maio a reapertura para despois desdicirse cando a maioría dos centros estaban a traballar xa na reapertura- Para o BNG “non é de recibo este caos e desorganización e que se xeran falsas expectativas para familias e profesionais” ademais de sinalar a “non concretización  das axudas anunciadas sumadas á burocracia e á inexperiencia das familias sobre onde acudir indican que non é unha medida suficiente”.

Desde a formación nacionalista apelaron á Xunta a que se sente a dialogar de verdade co sector e que se analice a realidade heteroxénea da atención á dependencia e a vellez e “ter en conta que en moitos casos falamos de que nos centros de día se atenden patoloxías que están sendo agravadas neste período do coronavirus pola falta de funcionamento dos centros especializados”- Presas destacou que “nesta desescalada hai que valorar estes aspectos para planificar e acordar co sector unha folla de ruta que permita dar determinados servizos prioritarios conforme mellore a crise sanitaria”.

Entre as prioridades o BNG demandou a atención das enfermidades neurodexenerativas como xa está a facer a Federación Alzheimer Galicia. A candidata do BNG ao Parlamento lembrou que Ourense é a provincia máis avellentada de Galiza e que “hai que prestar especial atención a esta situación para non causar deterioros evitábeis nas capas máis maiores da poboación”.

O BNG denuncia a falta de diálogo co sector e a improvisación da Xunta de Galiza en relación aos Centros de día