O BNG denuncia que a situación de caos e desgoberno do concello en pleno avance da COVID-19 pon en risco a saúde da veciñanza e a das traballadoras e traballadores do propio concello

A formación nacionalista amósase moi preocupada pola evolución da pandemia en Ourense e urxe a que o alcalde convoque aos voceiros do resto de grupos para abordar a situación, coñecer as medidas adoptadas e constituir unha comisión de seguimento real e efectiva coa participación dos grupos da oposición

O BNG denuncia que a situación de caos e desgoberno do concello en pleno avance da COVID-19 pon en risco a saúde da veciñanza e a das traballadoras e traballadores do propio concello

Ourense, 21 de setembro de 2020. Os últimos datos e as últimas medidas adoptadas pola Xunta de Galiza referidas á evolución da COVID-19 en Ourense, chegando mesmo ao confinamento de catro rúas no barrio do Couto, preocupan, e moito, ao grupo municipal do BNG no Concello de Ourense.

Para os nacionalistas a situación de parálise, bloqueo e desgoberno na que se atopa o concello dificulta que se poidan adoptar as medidas precisas para tentar paliar a situación. Por elo, urxen ao alcalde a que convoque o antes posible unha reunión cos voceiros do grupos municipais presentes no pleno e poder analizar detalladamente a evolución, situación e medidas a tomar, para minimizar riscos e evitar que a situación vaia a máis. O desbaraxuste é tal, que nada se sabe da comisión de seguimento creada no seu día, e menos agora, coa saída do PP do goberno local.

En pleno avance da pandemia en Ourense, o concello nin está, nin se lle agarda. A falla de transparencia e sobre todo a falla de medidas por parte da institución local, pon en serio risco a saúde das e dos traballadores municipais e por extensión ao resto da veciñanza. Recordan desde o BNG que,  durante o pasado estado de alarma, solicitaron que a citada xunta de voceiros se constituíse en comisión de seguimento da pandemia en Ourense.

Neste momento, no que a situación volve a ser moi complicada, con datos mesmo peores en canto a contaxios que durante o confinamento e cunha maior mobilidade e presenza de persoas polas rúas e polo tanto, cunha maior interacción social, faise máis preciso que nunca o intercambio de información, e polo tanto, a constitución da citada comisión se seguimento.

O obxectivo, para os nacionalistas, non sería outro que coñecer polo miúdo a situación dos datos no concello, a evolución dos mesmos, a efectividade das medidas adoptadas pola Xunta de Galiza e sobre todo, as medidas adoptadas ou que se deben adoptar desde a propia administración local para tentar conter o avance da enfermidade.

Desde o BNG denuncian tamén a opacidade do actual goberno local en relación a todo e canto ten que ver coa pandemia. Desde a formación nacionalista non saben a día de hoxe, xa que o concello non informa, se se está adoptando algún tipo de medida excepcional nalgún dos servizos que presta e que sí se levaron a cabo durante o confinamento.

Para o Grupo municipal do BNG ante a evolución e os datos cada vez máis preocupantes da enfermidade no noso concello sería preciso que se volvesen a establecer medidas no transporte público, como restrinxir o uso de billetes e moedas para evitar contacto cos conductores, limpeza intensiva dos vehículos ou mesmo de ser o caso, voltar a implantar a gratuidade do servizo.

Os nacionalistas queren saber se a concesionaria do servizo de limpeza continúa levando a cabo tarefas de desinfección e limpeza intensiva nas rúas, nos espazos públicos e nas dependencias municipais tales coma o fogar do transeunte, os centros cívicos ou as dependencias de servizos de atención ao público.

Outros dos puntos quentes é o referido á situación dos edificios municipais e as medidas adoptadas para garantír a saúde do persoal no seu conxunto e sobre todo, daqueles que prestan servizos de cara ao público. Neste punto, os nacionalistas queren saber tamén se o persoal dos diferentes servizos, incluídos os de emerxencia, moi expostos ante a pandemia, como son Bombeiros e Policía Local están sendo sometidos regularmente ás probas pertinentes para descartar o seu contaxio.

Do mesmo xeito, consideran necesario coñecer o traballo da chamada "Comisión de seguimento da COVID-19 do Concello de Ourense". Saber quén a constitúe a día de hoxe, trala saída do PP do goberno. Saber as veces que se leva reunido e saber, as decisións adoptadas no mesmo.

En resumo, para o BNG é necesario que o concello actúe e tome as medidas pertinentes que contribúan a controlar a proliferación da pandemia e transmita seguridade á veciñanza, e no caso de que esas medidas xa estén adoptadas, dalas a coñecer e estudar a súa efectividade, para o cal insisten unha vez máis na necesidade de convocar á xunta de voceiros e que esta se constitúa en comisión de seguimento da COVID-19.

A crise institucional na que se atopa o concello prodúcese en plena pandemia e cunha situación sanitaria que se agrava día a día polo que é preciso que o concello reaccione e actúe. Non pode deixar nin á veciñanza nin as propias traballadoras e traballadores da institución abandonados á súa sorte.

O BNG denuncia que a situación de caos e desgoberno do concello en pleno avance da COVID-19 pon en risco a saúde da veciñanza e a das traballadoras e traballadores do propio concello