O BNG denuncia a unificación das unidades de lactantes e (pre)escolares no CHUO e falta de persoal

A deputada por Ourense, Noa Presas
A deputada por Ourense, Noa Presas

Presas cualifica a situación de “novo atentado” das políticas da Xunta contra a poboación infantil de Ourense e reclama a corrección inmediata: unidades separadas e con persoal suficiente para garantir a calidade asistencial. 

O BNG denuncia a unificación das unidades de lactantes e (pre)escolares no CHUO e falta de persoal

Ourense, 09 de novembro 2020. Os deputados nacionalistas por Ourense, Noa Presas, Iago Tabarés e María Albert veñen de rexistrar iniciativas no Parlamento Galego para reclamar á Xunta de Galiza que se garanta no CHUO o funcionamento separado da unidade de lactantes e da unidade de preescolares e escolares e que as dote de persoal suficiente para garantir unha prestación asistencial de calidade e con seguridade e deixar de poñer en perigo os nenos e nenas e de precarizar o persoal.

O BNG denuncia que esta é “unha situación preocupante que se está a dar desde o verán coa desculpa da baixada asistencial e das vacacións do persoal, e require dunha inmediata corrección por parte da Xunta de Galiza para dar un adecuado servizo hospitalario e asistencial á poboación infantil, non pode ser un novo castigo a Ourense despois de practicamente facer desaparecer a cirurxía pediátrica e de tentar pechar servizos coma o paritorio de Verín”.

Presas afirma que “non hai unha atención en espazos separados e adecuados axeitadamente e con persoal suficiente, o que supón un grave deterioro asistencial e un paso atrás máis na atención en Ourense á poboación infantil” pois “Cómpre recordar que a unidade de lactantes vai de recén nacidos aos dous anos de idade, estamos a falar de crianzas sen autonomía, que requiren dunha observación e atención moi particular por parte do persoal” e recorda que “Falamos de nenos e nenas cuxa atención require moito tempo, pois algo tan habitual como a canalización dunha vía é especialmente delicado nestes pacientes. Da mesma forma, o persoal debe preparar biberóns, xestionar as tomas ou suplir as ausencias de familiares en nenos e nenas totalmente dependentes”

A nacionalista insiste en que “non se pode mesturar a atención a lactantes coa atención da unidade de preescolares/escolares que vai dos 2 aos 14 anos, a atención é diferente e debe terse en conta que neste abano atópanse situacións que requiren tamén dun seguimento continuado, que é incompatíbel coa atención en paralelo de crianzas de idades máis temperás”

Polo tanto, para o BNG “non é xustificable unificar estes dous servizos, é un recorte máis” e advirte de que “a ubicación na que se unificaron non está adaptada para os lactantes e hai serios perigos polas barreiras arquitectónicas, neste momento o Materno continúa con importantes deficiencias e unificar estes dous servizos nun mesmo espazo contravén a seguridade das e dos pacientes”

Presas fai fincapé en que “a precarización e o recorte de persoal do CHUO é a razón última desta situación, xa que por exemplo sabemos que na quenda de noite foi reducido o persoal a case á metade após a unificación das unidades e soamente queda unha persoa de enfermaría e unha persoa de TCAE, de maneira que se se produce unha técnica de especial dificultade ou un ingreso é directamente imposible prestar unha adecuada atención ao resto de pacientes ingresados. Así mesmo, o CHUO está actuando de maneira arbitraria e pouco transparente na organización do persoal. En realidade está a reestruturar con afectación ás condicións laborais das e dos profesionais e de diminución de efectivos sen negociación”

Para o BNG “esta situación é intolerable e require dunha corrección inmediata, máis aínda tendo en conta as necesidades da situación derivada da covid-19 polo que presentamos iniciativas no Parlamento”.

O BNG denuncia a unificación das unidades de lactantes e (pre)escolares no CHUO e falta de persoal