O BNG levará ao pleno a situación alarmante do comercio local

O BNG levará ao pleno a situación alarmante do comercio local

O portavoz municipal do BNG no concello de Ourense, Luis Seara, anunciou que levará ao pleno do concello a "situación alarmante" do comercio local na cidade de Ourense. Adiantou unha reunión cos comerciantes para o vindeiro mércores ás nove da tarde no Liceo de Ourense.

O BNG leva, dende o comezo da lexislatura, colocando en primeira liña os debates principais da cidade. Facíano no primeiro pleno extraordinario, con mocións relacionadas co PXOM e a Estación Intermodal, e continúan agora anunciando propostas concretas para a situación do comercio local ou de proximidade.

"No ano 2018 pecharon 270 comercios, a razón dun comercio cada dous días" sinalou o voceiro nacionalista. Mais esta situación agrávase no futuro segundo estudos recentes que sinalan que haberá o peche dun 20 % de comercios locais. Perspectivas moi diferentes ao resto de capitais provincias: "Coruña ten récord de afiliados no sector do comercio polo miúdo; Lugo mantense nas súas cifras; e Pontevedra, que logra o maior número de empregados da última década" sinalou Seara.

"Para nós o comercio é un sector estratéxico por tres razóns fundamentais: contribúe a fixar poboación; humaniza ás rúas e barrios da cidade e xera emprego de calidade" explicou Seara en relación á importancia do comercio de proximidade. Continuou indicando que as administracións públicas teñen que ter unha función proactiva neste senso. "Dende leis de carácter estatal, tendo unha Tarifa Eléctrica Galega que favorecería ao pequeno e mediano empresario, coma leis de carácter galego cunha Nova Lei de Horario Comercial" indicou Seara.

Mais tamén indicou que a administración local ten un peso importante no senso do comercio de proximidade a través do "desenvolvemento das medidas do Plan de Emprego" que contén medidas concretas e contou coa aprobación por unanimidade do pleno do concello de Ourense. Asemade, segundo explicou o voceiro nacionalista, "este Plan contou coa participación de todos os sectores económicos, sociais e sindicais da cidade".

"Imos levalo ao pleno para que se abra o debate e se volva a convocar a mesa municipal de comercio" sinalou Seara. "Temos que escoitar ao sector do comercio e instamos á Xunta de Galiza a que aprobe unha nova lei de horarios comerciais que favoreza ao pequeno comercio" sentenzou o voceiro do BNG no concello de Ourense.

Asemade, adiantan que manterán reunións co pequeno comercio este mércores ás 21 horas no Liceo de Ourense e convidan aos comerciantes a acudiren para tratar esta situación de alarma que vive o sector comercial da cidade.

O BNG levará ao pleno a situación alarmante do comercio local