O BNG non acude finalmente ao pleno do Concello de Ourense por coherencia e responsabilidade

A formación nacionalista volveu reiterar este luns ás portas da casa consistorial e nunha comparecencia conxunta cos outros dous grupos da oposición os motivos que o levaron a tomar esta decisión.

O BNG non acude finalmente ao pleno do Concello de Ourense por coherencia e responsabilidade

Ourense, 24 de agosto de 2020. Tal e como se anunciara onte pola tarde, o grupo municipal do BNG no Concello de Ourense, ao igual que o resto de grupos da oposición (PSdeG-PSOE e Cs) non acudiu ao pleno previsto para a mañá deste luns. Os portavoces das tres formacións con representación municipal compareceron para explicar os motivos que os levaron a adoptar esta decisión.

Para os nacionalistas, en boca do seu portavoz, Luis Seara, quen iniciou a súa intervención desexando unha pronta recuperación tanto á persoa contaxiada como a todos aqueles que a día de hoxe están loitando por sair desa situación, "que non se garantía a seguridade sanitaria dos asistentes ao pleno, e por extensión de tódolos seu contactos, xa que ningún membro do goberno se someteu ás probas PCR pese a estar en contacto en días pasados co asesor contaxiado".

"Éramos conscientes de que estábamos diante dun goberno incompetente, incapaz e desde hoxe sabemos tamén que é altamente irresponsable, tanto, que é capaz de xogar coa saúde das persoas con total frivolidade e sen importarlle o máis mínimo", asegura Seara, quen ademáis cuestiona o proceder ao longo deste días do goberno municipal, ocultando información e negándose a dar explicacións sobre o acontecido, ao tempo que se negaron a falar da posibilidade de pospor a sesión plenaria, "amparándose nun informe da Xunta de Galiza que aínda arestora descoñecemos pese a ter solicitado ter acceso ao mesmo".

Incidiu Seara no feito de que a información da que dispoñen no grupo municipal é a facilitada e publicada polos medios de comunicación, algo que segundo o concelleiro "tamén retrata a este goberno".

O portavoz municipal do BNG, incidía en que "nestes tempos de pandemia, onde se lles están pedindo constantemente esforzos á cidadanía para que cumplan as medidas e protocolos sanitarios vixentes, os representantes públicos deben dar exemplo e actuar en consecuencia, pois do contrario, as mensaxes enviadas á veciñanza son contraditorias".

Para os nacionalistas resulta extraño e dificilmente entendible que na situación na que nos atopamos a nivel global e diante dun positivo dentro do cadro de persoal do Concello de Ourense, non se adopte ningunha medida de seguridade e prevención tal e como se fai noutros casos moi similares, polo que volveron reiterar a necesidade de coñecer o informe da Xunta que valida esta actuación ou mellor dito esta non actuación.

Ante esta falla de información e de claridade por parte do goberno municipal sobre cal é a situación a día de hoxe e os pasos que se levan dado, Luis Seara informou de que o BNG no Concello de Ourense tampouco acudirá mañá ás xuntas de área convocadas por unha cuestión de "coherencia e responsabilidade" e polas mesmas que os levaron a tomar a decisión de non acudir ao pleno.

Por último o portavoz nacionalista puxo de manifesto o "absoluto desprezo do alcalde ante a situación sanitaria que estamos padecendo a nivel global e que tantas mortes leva provocado", ao tempo que lle solicitaba a todo o goberno bipartito (PP-DO) que "si tiveran un mínimo de dignidade, que non a teñen, presentarían a súa demisión".

Para finalizar, Seara salientou que "a cidadanía agarda de nós que teñamos un comportamento digno e decente". Rematando a súa intervención reiterando algo que o BNG leva repetindo desde que se coñeceu o positivo no gabinete de alcaldía, "coa saúde non se xoga".

O BNG non acude finalmente ao pleno do Concello de Ourense por coherencia e responsabilidade