O BNG no Parlamento galego presenta unha proposición non de lei para adoptar medidas contra o transfuguismo

A formación nacionalista denuncia a situación que se está a producir nas últimas semanas e nomeadamente na provincia de Ourense con varias mocións de censura en marcha ou xa consumadas e sustentadas en concelleiros tránsfugas

O BNG no Parlamento galego presenta unha proposición non de lei para adoptar medidas contra o transfuguismo

Ourense, 28 de agosto de 2020. O Grupo Parlamentar do BNG no Parlamento galego ven de presentar unha proposición non de lei en defensa dos principios e valores democráticos, esenciais para o rexeitamento do transfuguismo así como para que a cámara galega adopte as medidas normativas precisas para evitalo.

Para os nacionalistas, segundo o deputado por Ourense Iago Tabarés  "as mocións de censura e outras accións que está a perpetrar o PP coa pasividade e complicidade do PSdeG-PSOE, accións que mesmo nalgúns casos serían merecentes de investigación xudicial, veñen subverter a vontade popular expresada nas urnas hai apenas un ano".

Casos coma o de Castrelo de Miño, onde a través dunha moción de censura presentada polo PP e apoiada en dous tránsfugas do PSdeG-PSOE, ou próximamente o de Viana do Bolo (onde se emprega o mesmo proceder) dan boa proba da necesidade de adoptar medidas verdadeiramente eficaces ante este tipo de prácticas.

Desde o BNG entenden que non é asumibel en termos democráticos que o Partido Popular empregue tránsfugas, sempre, por certo, do PSdeG-PSOE, para quebrantar a vontade cidadá de cambio, progreso, honestidade e transparencia, co fin de manter as súas políticas caciquís, que o único que producen é emigración, despoboamento e inxustiza social.

O deputado por Ourense deixa claro que "o BNG dí claramente non ao transfuguismo e non ao indecente oportunismo por aproveitar unha lagoa normativa, que non ética nin democrática, para vulnerar a vontade popular, a vontade de progreso e dunha alternativa de xustiza social para pobos coma o de Castrelo de Miño, Viana do Bolo ou San Xoan de Río".

Asi mesmo, Iago Tabarés expresou que "desde o Grupo Parlamentar no Pazo do Hórreo manifestamos todo o apoio da organización ao pobo de Viana do Bolo, ao seu alcalde, Secundino Fernández así como ao resto do grupo de goberno, fronte a unha nova agresión democrática a perpetrar polo Partido Popular e dous tránsfugas do PSdeG-PSOE o vindeiro 1 de setembro".

O BNG no Parlamento galego presenta unha proposición non de lei para adoptar medidas contra o transfuguismo