O BNG pediralle á Xunta a súa implicación no restablecemento dos pasos elevados suprimidos no Concello de San Cibrao das Viñas como consecuencia das obras do AVE

Un dos pasos no que se eliminaron as beirarrúas
Un dos pasos no que se eliminaron as beirarrúas

Desde a formación nacionalista denuncian que como consecuencia das obras da liña de alta velocidade, suprimíronse pasos elevados, cos riscos e dificultades na mobilidade que iso xera no conxunto da veciñanza do municipio

O BNG pediralle á Xunta a súa implicación no restablecemento dos pasos elevados suprimidos no Concello de San Cibrao das Viñas como consecuencia das obras do AVE

Ourense, 08  de outubro de 2020. O Grupo Parlamentar do BNG no Pazo do Hórreo a través dos deputados por Ourense, Noa Presas, Iago Tabarés e María G. Albert, veñen de rexistrar na cámara galega unha proposición non de lei co obxecto de que a Xunta de Galiza se implique na reposición dos pasos elevados suprimidos como consecuencia das obras da alta velocidade ao seu paso polo Concello de San Cibrao das Viñas.

O proxecto, no treito Taboadela-Ourense, establecía a necesidade de eliminar diversos pasos elevados sobre a vía e a súa posterior reposición, de xeito que a comunicación viaria e peonil entre as poboacións existentes a ambas marxes da vía non se visen nin afectadas nin sobor de todo, perxudicadas.

No proxecto, contemplábase, entre outros, a construcción dun paso elevado que cruzaba o camiño de ferro comunicando as poboacións de Castroverde e Calvos na estrada OU-40.

O que denucian desde o BNG é que a obra finalmente executada non se corresponde co proxecto presentado, nin no punto de reposición, nin na súa configuración e servizo. Segundo afirman os nacionalistas, a obra realizada consiste nunha calzada cunha extraordinaria pendente, chegando a superar nalgúns puntos o 20% e a cal remata nunha intersección con forma de "T".

O vial construído sobre as vías conforma unha pronunciada pendente que desemboca ademáis e de xeito directo nun vial cun tránsito que non pode considerarse menor. O BNG pon de manifesto que ese vial, por mor da proximidade co polígono industrial e mesmo da cidade do transporte, acumula tráfico moi intenso de vehículos pesados, o que engade perigoridade ao trazado.

Outro dos puntos que, a ollos do BNG, requiren subsanación, é o feito de que na obra executada, omítense as beirarrúas para o tránsito de peóns, incumprindo polo tanto a finalidade última do paso elevado. Este feito provoca graves dificultades á hora de comunicar as diferentes poboacións presentes na zona como poden ser Ponte Noalla, Paipás, Castroverde, Calvos, Santa Cruz, A Castellana, etc.

Para o BNG estamos diante dunha obra que non corresponde co proxecto presentado e que non da o servizo para o cal foi concevida. O que xera é illamento poboacional e constitúe un importante risco para a circulación tanto de peóns como de vehículos.

Por todo elo, desde o Grupo Parlamentar do BNG pediranlle á Xunta de Galiza que realice diante do ADIF, as xestións pertinentes e encamiñadas á reposición dos pasos elevados tal e como estaban previstos no proxecto de actuacións complementarias da liña de alta velocidade Madrid-Galiza, e concretamente no treito Taboadela-Ourense.

Piden tamén a construcción de beirarrúas e a instalación de iluminación, co fin de permitir o seu uso peonil en condicións de seguridade.

Ademáis desta e doutras iniciativas que os nacionalistas promoverán no Parlamento a respeito desta cuestión, o BNG de San Cibrao das Viñas iniciará en vindeiras datas, unha recollida de sinaturas entre a veciñanza das parroquias afectadas, co fin de que se corrixan as eivas anteriormente descritas.

O BNG pediralle á Xunta a súa implicación no restablecemento dos pasos elevados suprimidos no Concello de San Cibrao das Viñas como consecuencia das obras do AVE