O BNG pide ao Concello unha condena pública dos asasinatos machistas e lazos lilás nas bandeiras

O BNG pide ao Concello unha condena pública dos asasinatos machistas e lazos lilás nas bandeiras

O Bloque Nacionalista Galego quere mostrar o seu rexeitamento á violencia machista que acaba de provocar o asasinato de catro mulleres en menos de 48 horas no Estado español. Igualmente quere transmitir a súa condena á continua rebaixa que o Partido Popular está a executar en protección das vítimas da violencia, quer a través de recortes orzamentarios imprescindíbeis no combate contra a violencia machista a medio e longo prazo, quer a través de fomentar ideoloxicamente un modelo de muller tradicional e submisa, que debe regresar ao fogar para tamén, economicamente, aforrar unha serie de prestacións de servizos públicos que o Estado debe garantir.

A valoración realizada polo PP a raíz de se coñeceren as cifras de redución de denuncias por violencia de xénero está moi lonxe de centrarse nun problema que sabemos que non é a única explicación da violencia, mais que, sen ningunha dúbida, incrementa as posibilidades de se producir. Estamos a falar da dependencia económica, un muro que paraliza moitas mulleres para comezaren o proceso que poida permitirlles saír da espiral da violencia a que se ven condenadas.

A loita contra a violencia de xénero é camiño longo que inclúe moitas iniciativas de carácter transversal, por exemplo, no mundo educativo. Con todo, os recortes en materia social e sanitaria acaban atacando os sectores máis débiles da sociedade, as persoas máis desprotexidas e desamparadas. Ninguén dubida que entre elas están as mulleres maltratadas. Hai moitas iniciativas e medidas que levan anos paralizadas e que cómpre recuperar. É un deber dos poderes públicos garantir a posibilidade de autonomía persoal e de poder desenvolver unha vida digna sen dependencias. Existe unha responsabilidade e unha complicidade cando se elaboran orzamentos que disminúen as cantidades destinadas á protección. Exiximos, pois, que se actúe en consecuencia e que non se continúe de xeito ritual coa ladaíña de ser a violencia machista un mal co que temos que resignarnos a convivir.

O Grupo Municipal do BNG ven de pedir ao Concello de Ourense que denuncie públicamente, a través dunha declaración institucional, os recentes asasinatos de mulleres por violencia machista así como a solicitude de que nas bandeiras da Casa do Concello se simbolice o rexeitamento dos asasinatos e a lembranza das mulleres cun lazo lilás e coas bandeiras ondeando a media hasta uns días.

[ Petición rexistrada no Concello de Ourense ]

Ourense, 24 de maio de 2013

Grupo Municipal do BNG

O BNG pide ao Concello unha condena pública dos asasinatos machistas e lazos lilás nas bandeiras