O BNG pide luz e taquígrafos a respecto do debate do PXOM

A decisión da formación nacionalista é consecuencia das últimas manifestacións públicas feitas por diferentes membros do goberno e nas que se poñen de manifesto as fondas discrepancias existente entre PP e DO polo que solicitará o apoio da oposición para celebrar unha sesión extraordinaria e monográfica.56f34faa-3fa7-43e4-a3b9-326b77c110a0

O BNG pide luz e taquígrafos a respecto do debate do PXOM

Ourense, 08 de agosto de 2020. O grupo municipal do BNG no Concello de Ourense manifesta a súa fonda preocupación en relación a situación actual da cidade de Ourense no que a urbanismo se refire e concretamente ante a situación de parálise e escasos avances na tramitación do PXOM.

A formación nacionalista entende que estamos diante dun documento fundamental para o desenvolvemento non soamente urbanístico da cidade, senón que a súa aprobación ten repercusión directa no crecemento demográfico, social e sobre todo económico. Unha cidade paralizada desde hai anos e cun planeamento en vigor que data de 1986, evidenciando día a día a súa inadaptación a situación actual e real das novas necesidades que o paso do tempo e a evolución da cidade demandan.

Con este panorama enriba da mesa atopámonos segundo os nacionalistas cun goberno municipal que lonxe de axilizar e tentar dar resposta a esta grave situación, adícase a crear falsas expectativas, a crear confusión mediática e a defensa dos intereses partidistas de cada unha das formacións que conforman o goberno (PP-DO) por riba do interese xeral da veciñanza.

"A falla de transparencia e claridade diante do documento máis relevante da historia recente da cidade de Ourense e que a hipotecará durante décadas, non pode continuar" segundo o seu voceiro Luis Seara.

O goberno debe comparecer para dar explicacións sobre en que punto se atopa a tramitación do PXOM e sobre todo de cales son os elementos discrepantes dentro do goberno que impiden que avance, é preciso clarificar os intereses creados arredor do mesmo e que a veciñanza de Ourense saiba con claridade que defende cada quén e cal é o modelo que se pretende implantar.

Desde o grupo municipal do BNG, enténdese fundamental diante das continuas informacións e manifestacións públicas de diferentes membros do goberno a través dos medios de comunicación que o único que xeran é dúbidas e desconfianza, que toda a corporación, reunida en pleno, debata monográficamente sobre cal é a situación a día de hoxe do plan de Urbanismo da cidade de Ourense, que se coñezan públicamente os avances na tramitación, os cambios introducidos, as afectacións existentes, e sobre todo, cales son os motivos reais que frean neste momento o seu avance e aprobación.

O BNG ten claro que modelo de cidade quere para Ourense, é hora de que o goberno municipal expoña claramente cal é o seu, se é que ten algún.

Por todo elo, desde o grupo municipal do BNG no Concello de Ourense e coma consecuencia de todo o exposto, porase en contactos nos vindeiros días co resto de grupos da oposición aos efectos de poder solicitar a celebración dun pleno extraordinario que debata e poña ao día a situación na que se atopa o PXOM e o urbanismo da nosa cidade.

O BNG pide luz e taquígrafos a respecto do debate do PXOM