O BNG pide un plan de melloras na rede de saneamento de Ourense

O BNG pide un plan de melloras na rede de saneamento de Ourense

A Confederación Hidrográfica comunicoulle ao Concello de Ourense unha sanción de 6.700 € por uns vertidos producidos a carón da Ponte Nova de Ourense. É o propia Confederación a que lle lembra ao Concello que estes vertidos se veñen producindo, como mínimo, desde o ano 2011 e, en todos os casos, houbo sanción.

A Confederación Hidrográfica manifesta na súa resolución que os argumentos do Concello no recurso que éste presenta non se axustan á realidade dos feitos xa que está probado que o vertido se produce pola rotura dun colector e que houbo contaminación das augas.

A Confederación tamén apunta a que é competencia exclusiva dos concellos o saneamento e tratamento de augas residuais polo que non vale como excusa dicir que o concello non é titular das infraestruturas.

Dende BNG consideramos que o Concello de Ourense debería incrementar a súa sensibilidade medioambiental e ter especial coidado coas redes de saneamento para que non se produzan incidentes que contaminen as augas do Miño, en especial nun espazo moi próximo a unha zona de baño.

Esta falta de sensibilidade, non soamente é prexudicial para os usuarios da zona de baño, así como a flora e a fauna fluviais, senón que afecta tamén, de xeito reiterado, ás arcas municipais.

Os nacionalistas creen, ademais, que o equipo de goberno debería ter un plan de actuación para mellorar a rede de abastecemento e saneamento da cidade dado que os problemas nestas infraestruturas son máis habituais do desexado, hoxe mesmo producíuse unha rotura na zona das Lagoas, algo que veñen padecendo os veciños e veciñas dalgúns barrios da cidade de forma continuada nos últimos tempos.

O BNG pide un plan de melloras na rede de saneamento de Ourense