O BNG pídelle ao goberno local que cumpra coas autónomas e autónomos do concello

A formación nacionalista denuncia a situación na que se atopa a tramitación das bases das axudas prometidas polo goberno (PP - DO) fai meses e que aínda non teñen visos de realidade

O BNG pídelle ao goberno local que cumpra coas autónomas e autónomos do concello

Ourense, 01  de setembro de 2020. O pasado mes de marzo, o alcalde da cidade, en nome do goberno local, anunciaba a tramitación urxente dunha liña de axudas para as autónomas e autónomos do concello coa finalidade de que puideran facer fronte as consecuencias económicas do confinamento e da crise posterior.

As expectativas creadas ao redor destas axuda no tecido comercial da cidade foron moi altas xa que dita aportación pode supor un balón de osíxeno para o colectivo. O BNG sempre manifestou que os 2000 €, a pesares de estar moi por debaixo da proposta que tiñan para o colectivo, podían supor a diferenza entre pechar definitivamente ou non.

Desde o primeiro momento, o BNG cuestionou a irresponsabilidade do alcalde e do grupo de goberno ao dicir que as achegas ían ser con "burocracia 0" cando todos sabiamos que na administración iso é materialmente imposible. Unha vez máis, e exercendo a demagoxia habitual non lle importou xogar coa necesidade e coa desesperación de moitas persoas.

O grupo do BNG destaca que puxo de exemplo outros concellos como o de Lugo, onde ao ter celebrado pleno durante o confinamento, como poderia ter acontecido en Ourense, fixo que se avanzara na tramitación para que as autónomas e autónomos cobraran no mes de xullo.

O BNG en moitas ocasións ao longo destes meses ten preguntado reiteradamente por esta cuestión obtendo a calada por resposta. Sorprendentemente a isto debemos engadir que o recentemente nomeado "city manager", Cacharro Gosende, afirmaba recentemente nun medio de comunicación que as bases redactadas no seu momento contiñan erros advertidos xa no seu día polo interventor, chegando a dicir que él mesmo colaborou na subsanación dos mesmos unha vez tomou posesión do seu cargo.

Para o grupo do BNG no Concello de Ourense o que está acontecendo nestas últimas semanas demostra, unha vez máis, o advertido desde o inicio do actual mandato polos nacionalistas, estamos diante dun goberno local (PP-DO), incapaz e irresponsable, que non é quen nin de xestionar os grandes proxectos que esta cidade precisa nin tampouco o día a día, xogando ademáis coas necesidades da veciñanza, neste caso, as autónomas e autónomos, en momentos moi duros.

O BNG no Concello de Ourense, demándalle ao goberno local que dunha vez por todas deixe de centrarse nos seus propios intereses partidistas, que abandonen as liortas internas e comece a traballar na resolución dos problemas da cidade e das súas veciñas e veciños.

O BNG pídelle ao goberno local que cumpra coas autónomas e autónomos do concello