O BNG presenta unha batería de emendas aos orzamentos da Xunta de Galiza que Ourense ocupe “o lugar central”

  • Servizos sociais e sanidade como piares fundamentais para o desenvolvemento de Ourense
  • Compromiso por unha Estación Intermodal Digna e o saneamento dos ríos
O BNG presenta unha batería de emendas aos orzamentos da Xunta de Galiza que Ourense ocupe “o lugar central”

A deputada do BNG no Parlamento, Noa Presas, e os concelleiros de Ourense, Luis Seara e Rhut Reza, presentaron as emendas destinadas a Ourense aos orzamentos presentados pola Xunta de Galiza. Presentaron a sanidade e servizos sociais como piares fundamentais e instaron a desenvolver mellores infraestruturas, como a Estación Intermodal ou o Plan de Impulso de Automoción, para a capital da provincia.

O BNG de Ourense, ademais de presentar unha emenda transversal aos orzamentos da Xunta de Galiza, tamén presentou unha batería de emendas que axudan a resolver moitas das eivas dos orzamentos presentados polo Partido Popular. Segundo sinalou a deputada, Noa Presas, moitas destas emendas son compromisos históricos pendentes co concello de Ourense e instarán, con estas emendas, a que Ourense ocupe o lugar central como motor e capital da circunscrición.

Dentro das emendas presentadas, o BNG mobiliza un total de 10 millóns de euros, específicos para a cidade, máis iniciativas complementarias e indirectas que ascende a 60 millóns de euros. Teñen como obxectivo contribuír ao desenvolvemento económico e social de Ourense.

Nas partidas xenéricas, o BNG insta a desenvolver nos polígonos un Plan de Impulso de Automoción xa que “entendemos que xeraría emprego para os concellos da contorna pero tamén para as veciñas do Concello de Ourense” sinalou Presas. Asemade, destacou o “plan de alugueiro da vivenda e a reactivación do Casco Vello no que Ourense ten que ter un papel protagonista” e sinalou a atención das listas á dependencia.

Presas destacou tamén as emendas presentadas dentro do bloque social: atender á vellez e atender á infancia. Dende o BNG propoñen unha partida 4 millóns de euros para unha residencia pública, xa que a Xunta retirou as partidas para facer esta. “Non é xustificación desatender os deberes da xestión pública. Ten que ser xestionada directamente”. Asemade, Presas propón a creación dunha nova escola infantil para Ourense, cunha partida inicial de 500 mil euros, ante a carencia de prazas nas escolas infantís públicas.

No bloque sanitario inclúen emendas para as partidas de reforzo do CHUO co obxectivo de manter e reforzar o persoal de cociña. Tres partidas dun millón de euros cada unha para tres centros de saúde necesitados de investimento: Centro de Saúde do Vinteún, por ser “unha débeda histórica”; Centro de Mariñamansa; e melloras no Centro do Couto, tendo problemas de filtracións de auga e na calefacción, a pesar de ser de nova construción.

Ourense cidade da auga

O voceiro municipal, Luis Seara, destacou os investimentos inexistentes no termalismo e incidiu na reforma do Rianxo, emendas que se volverán presentar. Asemade, saneamento integral do Barbaña e do Loña, o primeiro sufrindo constantemente vertidos. “Ourense non pode seguir vivindo de costa aos seus ríos. Demandamos máis recursos para estas cuestións que creemos como prioritario”.

Compromisos que marcarán o futuro

A concelleira do BNG en Ourense destacou, pola súa banda, o compromiso adquirido dende sempre coa estación intermodal. “É un investimento moi importante para o presente e o futuro de Ourense. Non resolve a fenda histórica dos barrios do Vinteún e A Ponte así como nega a humanización do espazo” sinalou Reza.

Recollen nunha partida  de 50 millóns de euros para liberar 10 mil metros cadrados para o proxecto de humanización co obxectivo de remodelar o proxecto, salvagardar o Centro de Saúde da Ponte e para mellorar a seguridade viaria. “O PP leva dous anos votando en contra destas emendas que presentamos dende o BNG” sinalou. Asemade, o CAPD tamén está entre as prioridades do BNG para que sexa de xestión publica e solicitan, mediante unha emenda, compromiso orzamentario para a Xunta de Galiza.