O BNG reclama ao goberno solucións políticas para a situación do Concello

O BNG reclama ao goberno solucións políticas para a situación do Concello

A Xunta de Voceiros convocada polo Alcalde de Ourense achegou posturas para solventar o problema co pago de pluses ás traballador@s do Concello. O BNG trasladou que o máis importante era solucionar canto antes a problemática de moitos traballadores e traballadoras do Concello que hoxe non teñen asegurado que van cobrar polo traballo xa feito.

Os grupos municipais foron informados sobre a situación pero, como expresou o Voceiro do Grupo Municipal do BNG, na primeira media hora da reunión semellou máis un combate ou interrogatorio xudicial levado a cabo polos representantes de DO e do PP contra o alcalde que un intento de pór enriba da mesa solución como solicitaba o BNG.

Os catro voceiros manifestaron o seu acordo en relación ao problema xerado polo reparo da Intervención Municipal, insistindo na necesidade de facer efectivas nas nóminas d@s traballador@s do Concello os conceptos inseridos no Acordo Regulador, aprobado cos votos favorables do PSOE e do BNG, a abstención do PP e o voto en contra de DO.

No referido ao Servizo de Axuda no Fogar, o representante do BNG resaltou a importancia que ten para as persoas usuarias que o Servizo funcione ben e a súa xudicialización non afecte aos homes e mulleres que teñen concedida esta asistencia social.

O BNG reiterou a súa oposición á negativa do Alcalde de posibilitar que @s traballad@res do Concello non perderan poder adquisitivo logo da obriga imposta polo goberno do Estado de non facer efectiva a paga extra de nadal. De xeito sorprendente os grupos de DO e PP sumaronse a esta posición do BNG cando foron estes grupos os que votaron en conta da medida levada a pleno polo BNG. Unha vez máis, o Alcalde non da solucións e remite a cuestión á búsqueda de fórmulas para cumprir o acordo plenario.

O Alcalde solicitou aos voceiros presente o seu posicionamento no relativo á denominada Declaración de As Burgas, o voceiro do BNG respostou que “tamén no século XVIII ou XIX, cando a crise económica e a carestía alimentaria golpeaba a cidade, o Concello solicitaba a Madrid obras públicas que solucionaran o problema (estradas, pontes, edificios públicos, ferrocarril...). Non pode ser que no inicio do século XXI continuemos coa mesma estratexia de lamento e imploro á capital do Estado. O Concello debe ter capacidade política e levar a cabo medidas que afronten as consecuencias de políticas estatais e autonómicas dirixidas a destruír o público”.

Ourense, febreiro de 2013

O BNG reclama ao goberno solucións políticas para a situación do Concello