O BNG reivindica o dereito das mulleres a decidiren sobre o seu corpo

O BNG reivindica o dereito das mulleres a decidiren sobre o seu corpo

O BNG pedirá o acordo plenario para aprobar unha moción na que solicita que a Xunta manteña e aplique a Lei Orgánica de 2010 de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo.

Ao tempo, os nacionalistas propoñen que a Concellaría de Igualdade inicie unha campaña institucional de información e divulgación desta lei na que se informe ás mulleres ourensás dos recursos cos que contan para interromperen voluntariamente o embarazo.

Segundo apunta a concelleira Ximena González, coa modificación desta lei o goberno do PP pretende aplicar o progama ideolóxico dos grupos ultra relixiosos que se opoñen aos dereitos das mulleres. Así, limítase o acceso á sanidade pública o que obriga á maioría das mulleres a terse que desprazar a clínicas privadas mentres as que non poidan asumir eses gastos terán que recorrer á clandestinidade ou asumir maternidades non desexadas.

Dende o BNG tamén se lle pide ao goberno galego que poña en marcha unha campaña de formación e información sobre métodos anticonceptivos e que a información que receban as mulleres, con carácter previo ao consentimento da interrupción voluntaria do embarazo, sexa obxectiva eliminando as referencias á Red Madre, organización que lle pediu ao goberno a aprobación dunha lei que apoie a vida e a maternidade e que se refire ao aborto como “falaz solución”.

Son moitas ás organizacións de mulleres, sindicatos e partidos políticos cotrarios ao borrador do ministro Ruíz Gallardón e moitos os actos nos que ás mulleres reivindican o dereito a decidir sobre o seu corpo. Neste contexto, mañá xoves, a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto organiza en Ourense un pasarrúas que sairá ás 20:00 horas da rúa do Paseo (a altura do Banco de España) ata o Pazo de Xustiza e tamén o sábado, día 28, partirá unha manifestación ás 17:30 horas dende a estación de tren de Santiago.

O BNG reivindica o dereito das mulleres a decidiren sobre o seu corpo