O BNG urxe á Xunta e ao Concello de Ourense a garantir o servizo de comedor do CEIP As Mercedes

A formación nacionalista insta ao goberno galego e ao Concello e Ourense a buscar unha solución que permita manter un servizo esencial para as familias do colexio e que a Xunta pretende desmantelar escasamente unha semana antes do inicio do curso

O BNG urxe á Xunta e ao Concello de Ourense a garantir o servizo de comedor do CEIP As Mercedes

Ourense, 02 de setembro de 2020. Onte pola tarde os concelleiros do BNG no Concello de Ourense, Luis Seara e Rhut Reza xunto aos deputados por Ourense no Parlamento galego Noa Presas e Iago Tabarés, mantiveron un encontro con nais e pais do CEIP As Mercedes para avaliar a situación xerada pola Xunta de Galiza no centro, poñendo en perigo a continuidade do servizo de comedor escolar.

Desde O BNG destacan que nas últimas semanas estamos a ver ao longo do país numerosos exemplos da improvisación e deixadez de funcións da Xunta de Galiza no ámbito do ensino e dos servizos relacionados como son os comedores escolares. Ante unha crise sen precedentes como a da COVID-19, a Xunta de Galiza decidiu poñerse de perfil diante das necesidades dos centros, prolongar sen xustificación a notificación de protocolos, ignorar as demandas da comunidade educativa e un longo etcétera como dan cumprida conta as protestas e mobilizacións ao respecto.

Un dos elementos vinculados ao ensino que é de especial relevancia e require de especial atención neste contexto son os comedores escolares. No caso do CEIP As Mercedes, este é un servizo que recuperou e xestiona a ANPA desde o ano 2007 e a alta demanda ten un correlato no aumento de matrícula que experimentou o centro.

Lembran desde o BNG que este CEIP ten moitas limitacións de espazo, polo que ao longo deste tempo a ANPA asinaba anualmente un convenio coa Xunta de Galiza para empregar as instalacións públicas da Residencia Xuvenil Florentino López Cuevillas, próxima ao centro educativo. É máis, durante varios cursos escolares compartiuse o uso da cociña ata a negativa da Xunta de Galiza aducindo unha meirande necesidade por parte da Residencia.

O 28 de agosto, despois de varias semanas solicitando información, a ANPA da Pía da Casca foi informada telefónicamente de que para o curso que comezaba de inmediato non sería posíbel asinar un novo convenio, nin sequera constando comunicación escrita e non habendo desde as xefaturas de Política Social ou de Educación ningunha alternativa nin compromiso, reducindo as posibilidades a aproveitar as limitadas instalacións do CEIP, unha opción, que suporía tamén unha renuncia ao uso normal de espazos como o da biblioteca.

Destacan desde o BNG que o CEIP As Mercedes é o único centro público da zona centro de Ourense, que ten unha matrícula completa e que o servizo de comedor é moi demandado, pois teñen cada ano arredor de 75 usuarios e usuarias con dúas quendas de servizo e lista de agarda, xa que non teñen capacidade para abrir unha terceira. Ademais, a ANPA tamén xestiona o servizo de acollida temperá e diversas actividades extraescolares.

A falta de colaboración da Xunta de Galiza e a súa deixadez de funcións pon en perigo a viabilidade destes servizos, facendo recaer na ANPA funcións que, segundo o BNG, deberían ser asumidas desde as administracións públicas.

Tanto desde o grupo municipal coma desde o grupo parlamentar do BNG amosáronlle todo o seu apoio as nais e pais do centro ao tempo que instaban á Xunta de Galiza a que se comprometa e implique na viabilidade do servizo de comedor no CEIP As Mercedes de Ourense e procure unha solución en colaboración coa comunidade escolar e o Concello de Ourense, ao cal lle reclaman que se pronuncie ao respeito do que está acontecendo no centro.

Por todo elo, o Grupo Parlamentar do BNG presentará unha iniciativa no Parlamento galego, ao tempo que o Grupo Municipal no Concello de Ourense fará o propio a través dunha moción que presentará para debater no vindeiro pleno municipal.

O BNG urxe á Xunta e ao Concello de Ourense a garantir o servizo de comedor do CEIP As Mercedes