No Concello de Ourense, o BNG proporá que a antiga biblioteca pública da rúa Concello se convirta en Casa da Cultura

RHUT REZA E LUIS SEARA 30.11.20
Rhut Reza e Luis Seara compareceron ás portas da antiga biblioteca pública de Ourense

Con esta iniciativa, os nacionalistas pretenden dotar a Ourense dun novo espazo de referencia, onde as entidades culturais e a veciñanza no seu conxunto poidan desenvolver as súas actividades

No Concello de Ourense, o BNG proporá que a antiga biblioteca pública da rúa Concello se convirta en Casa da Cultura

Ourense, 30 de novembro de 2020. Ás portas da antiga biblioteca pública da rúa Concello, os concelleiros do Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense, Luis Seara e Rhut Reza, compareceron esta mañá diante dos medios para dar conta da moción presentada, e que irá a debate, ao pleno do vindeiro venres.

O lugar escollido non é casual xa que a iniciativa o que pretende é precisamente que os espazos que ate hai pouco ocupaba a biblioteca e que actualmente se atopan baleiros debido ao traslado desta ao Complexo de San Francisco, manteña o espítico co que se construiu o edificio no seu día, que non era outro que converterse na Casa da Cultura de Ourense.

Así o expuxo a concelleira nacionalista, Rhut Reza, quen afirmou ademáis que "é sabido por todos, que a actividade cultural e creativa en Ourense tivo sempre un papel protagonista en múltiples disciplinas. Actividades levadas a cabo por grupos, colectivos e asociacións que por desgraza nos últimos tempos viron minguadas as súas capacidades por mor da xa anterior crise, pola falla de apoio institucional e pola non menor falla de espazos físicos nos que poder asentarse e desenvolver todas as súas actividades".

Reza incidiu en que "é necesario polo tanto, dotar a Ourense dunha infraestructura que permita ao tecido cultural da cidade traballar con comodidade e sobre todo con tranquilidade. Un espazo que non supoña un custe engadido as xa de por sí, minguadas capacidades económicas. Un lugar no que poidan traballar, compartir, crear e sobre todo no que as ourensás e os ourensáns vexan unha referencia se de cultura falamos.

Para os nacionalistas, "nestes tempos de crise e zozobra faise necesario recuperar ese espírito e ese xeito de xestionar. É preciso darlle ao sector cultural a importancia e trascendencia que ten na construcción e consolidación de sociedades modernas, cultas, concienciadas e comprometidas".

Por todo iso, argumentou Rhut Reza, "entendemos que estamos diante dunha oportunidade única de recuperar o espírito co que se construiu o edificio da rúa Concello, aproveitar que actualmente boa parte das súas instalacións están sen ningún tipo de uso e transformalas nunha Casa da Cultura ao servizo do tecido cultural da cidade. Lugar no que se poidan establecer, no que poidan crear, interactuar, amosar as súas creacións e desenvolver as súas actividades. Dotar a Ourense dun novo lugar de referencia cultural".

Con todos estes argumentos enriba da mesa, o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense, solicitaralle ao pleno da corporación, instar ao goberno local a Iniciar os trámites pertinentes para obter a cesión por parte do Goberno do Estado de todos os espazos baleiros e en desuso da sede da antiga biblioteca pública da rúa Concello, para a súa adaptación e mellora, co fin de transformalos nunha Casa da Cultura ao servizo das entidades culturais e da veciñanza de Ourense.

No Concello de Ourense, o BNG proporá que a antiga biblioteca pública da rúa Concello se convirta en Casa da Cultura