A intolerábel actitude do PP coa chegada do AVE a Ourense

A intolerábel actitude do PP coa chegada do AVE a Ourense

Ourense, 21 de marzo de 2012.- O Consello Local do BNG de Ourense quere facer as seguintes consideracións ante os sucesivos anuncios feitos pola ministra de Fomento, Ana Pastor, en relación coa paralización dos investimentos para a chegada do AVE a Ourense:

Desde que en maio do 2003 o presidente da Xunta garantiu publicamente a chegada do AVE entre Vigo e Madrid pola ruta Ourense-Santiago-Vigo antes do 2010, os cidadáns de Ourense puidemos comprobar que o PP nunca apostou realmente pola chegada do AVE a Ourense, non só polo reiterado incumprimento dos prazos e os continuos atrancos para chegar a un consenso no deseño da entrada da infraestrutura na cidade de Ourense senón que, mesmo, tivemos que abraiarnos ante a presentación dunha emenda polos deputados do PP durante a tramitación dos Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2009 na que pedían que a partida de 254 millóns de euros destinada ao AVE Ourense-Lubián se reducise en 134 millóns.

Agora, en marzo do 2012, cos prazos de execución xa vencidos, o Ministerio de Fomento, novamente co PP no Goberno, anuncia nun primeiro momento, que estudiará a posibilidade de soterrar o AVE e que se conxela o deseño da Estación Intermodal da Ponte, adxudicación incluida e, posteriormente, a ministra, Ana Pastor, confirma que “non é razoábel” neste momento facer o investimento de 500 millóns de euros, que é o investimento previsto para a construción do tramo urbano de 17 kilómetros entre Taboadela e Ourense, a integración do AVE na cidade de Ourense.

Así pois, despois do atraso co que chega a infraestrutura da alta velocidade a Ourense en relación con outras zonas do Estado. Despois de ter superada a desastrosa proposta inicial do Partido Popular cun proxecto de entrada que atravesaba a cidade, cunha falsa integración no Barrio da Ponte e San Francisco mediante falsos túneis e mamparas acústicas. A ministra anuncia agora nun “almorzo informativo” que, unha vez máis e xa son moitas, o futuro de Ourense non é unha prioridade para o Goberno do PP e decide unilateralmente renunciar a un proyecto xa adxudicado para comezar a tramitación dun novo proxecto.

Isto significa un aprazamento, agora xa sen data, e a conseguinte perda do investimento previsto para a cidade. Parece ser que nunca é o momento adecuado para investir en Ourense, que ano tras ano segue ocupar os derradeiros postos en investimento público e que no 2011 só conseguiu un 4% do investimento da Xunta de Galiza.

Desde o BNG de Ourense solicitamos unha aposta firme e un compromiso serio por esta cidade por parte do PP, tanto desde o Goberno do Estado como desde o da Xunta e unha clarificación do seu futuro inmediato. Non é admisíbel que, semana tras semana, o Goberno do PP xogue co futuro de Ourense e anuncie a paralización de proxectos que son vitais e claves para o desenvolvemento económico da cidade e que xa teñen un longo percorrido, como é o caso da paralización das obras de San Francisco, o centro de interpretación medio ambiental...

A responsábel local do BNG de Ourense

Susana García

A intolerábel actitude do PP coa chegada do AVE a Ourense