"O PLAN ÚNICO É UNHA MEDIDA OBXECTIVA PARA O REPARTO ORZAMENTARIO PARA OS CONCELLOS"

A formación nacionalista require un reparto equitativo no que todos os concellos da provincia sairían gañando. Unha oportunidade única na institución provincial coa perda da maioría absoluta do PP.

"O PLAN ÚNICO É UNHA MEDIDA OBXECTIVA PARA O REPARTO ORZAMENTARIO PARA OS CONCELLOS"

O deputado provincial do BNG, Bernardo Varela, instou á Deputación de Ourense a facer un reparto xusto e equitativo no Plan Provincial da Deputación de Ourense. No acto estivo arroupado polos alcaldes nacionalistas da provincia e a deputada no Parlamento de Galiza, Noa Presas.

A Deputación de Ourense ten previsto para o ano en curso a colaboración cos concellos a través de varios instrumentos:  Plan Provincial de Cooperación , Plan da Rede Viaria, Plan de emprego, Cooperación via convenio cos concellos, Plan termal, e acción social.

De todos eles, tan so o Plan provincial de emprego e o de acción social son os únicos que se distribúen a todos os concellos, en función de criterios predeterminados de antemán, aínda que discutíbeis. O máis importante, polo montante que supón é o Plan provincial de cooperación, antes cofinanciado polos fondos FEDER e os concellos e agora financiado exclusivamente pola Deputación.

"É preciso que nunha provincia que se está caendo a pedazos, na que a desertización está a ser unha dramática constante, se creen as condicións para que as persoas poidan vivir nunhas condicións dignas, con servizos e infraestruturas do século XXI" sinala o deputado provincial, Bernardo Varela. Para iso, continúa afirmando, "compre que os concellos poidan dispor de recursos" e, dentro da súa autonomía municipal, destinalos a aquilo que consideren perentorio e necesario.

A formación nacionalista insta á Deputación a que nos vindeiros orzamentos se faga un repartos aos concellos da provincia a través dun Plan Único de Investimentos contando cos criterios establecidos pola FEGAMP. Asemade, esixen a dotación nas partidas de Cooperación cos concellos dontadoas de recursos necesarios para modificar as actuais cantidades de reparto.

"Queremos que os recursos públicos se repartan de xeito obxectivo e reponsábel para mellorar as condicións de vida de todas as conveciñas e conveciños" sinala Varela, portavoz do BNG na Deputación de Ourense. Insta tamén ao organismo provincial a facer chegar estes acordos.

Xa Democracia Ourensana, con dous deputados provinciais, no se momento presentara medidas idénticas neste senso. Un reparto equitativo para os concellos da provincia baixo a sinatura dos voceiros de DO e PSOE. Unha oportunidade única na institución provincial coa perda da maioría absoluta do PP.