Presas comprométese a rematar co “mercadeo” do PP na Xunta de Galiza co reparto de motobombas para os concellos

As nacionalistas volven a exixir un vehículo especializado na extinción dos lumes na Rúa e critican o escaso material que reparte o executivo galego

Presas comprométese a rematar co “mercadeo” do PP na Xunta de Galiza co reparto de motobombas para os concellos

A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, mostrou a súa preocupación polo escaso material de recursos materiais e humanos nos concellos da provincia e con especial atención na zona de Valdeorras. Comprometeuse a poñer os medios necesarios a partir do 12X co reparto de material con criterios obxectivos e eliminando o “mercadeo” que a Xunta fai a día de hoxe coas motobombas.

A formación nacionalista destacou que a zona de Valdeorrras é un punto estratéxico á hora da prevención e extinción dos incendios. O reparto de material e medios humanos non atende á realidade xeográfica da provincia e isto provoca que vilas como A Rúa non posúan a día de hoxe unha motobomba. Presas amosou o seu compromiso de dar a batalla para o 12 de xullo e establecer un reparto de medios materiais e humanos con criterios obxectivos e rematar co mercadeo do Partido Popular á fronte da Xunta de Galiza.

As nacionalistas volveron reivindicar que se dote a este concello vehículo especializado na extinción de lumes, unha reivindicación de máis de cinco anos que o BNG defendeu a nivel local e se levou ao Parlamento Galego pola organización nacionalista. Xa en maio de 2018 houbo unha proposición levada polo BNG e aprobada en sede parlamentaria para que se dotara a esa zona de medios como a motobomba.

En xullo 2019 o director xeral de montes comprometeuse a que, cando houbese unha motobomba dispoñíbel sería para o concello da Rúa. “O certo é que isto foi mentira xa que houbo motobombas para outros concellos na temporada pasada e este concello continúa a día de hoxe sen unha motobomba malia estar nunha posición estratéxica para a erradicación dos lumes” sinalou Presas.

Desde o BNG sinalaron que continuarán a exercer presión política para que esta carencia de medios remate. Presas lembrou o peche da base de Vilanova que só se reabriu “por unha forte presión social e política”.

Pladiga 2020: “copia e pega” do anterior

A formación nacionalista mostrou a súa preocupación ante a presentación do novo Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galiza (PLADIGA). “Non pode ser que un ano máis o Plan vaia ser un copia e pega do anterior, sen consenso co sector e sen adaptar á nova tipoloxía de lumes producidos polo cambio climáticos e os fenómenos meteorolóxicos de alta intensidade” sinalou Presas. O único novidoso do documento son as achegas referentes á situación provocada pola covid.19.

O anuncio, o pasado venres, polo presidente da Xunta de Galiza, de tratalo no Consello Forestal do vindeiro 28 de maio significa que existe “pouca marxe para mellorar e consensuar o Plan cos diferentes colectivos de bombeiros”. A candidata por Ourense afirmou que é necesario que os distritos de Ourense, polas súas características climáticas e de baixa densidade poboacional, “teñan reforzos específicos humanos e materiais”.

Presas comprométese a rematar co “mercadeo” do PP na Xunta de Galiza co reparto de motobombas para os concellos