Presas denuncia o recorte de servizos ferroviarios en Valdeorras anunciado polo goberno do Estado

Presentación da campaña "Tren digno para o interior" con Presas e concelleiros da comarca de Valdeorras
Presentación da campaña "Tren digno para o interior" con Presas e concelleiros da comarca de Valdeorras
  • A formación nacionalista levará o desmantelamento dos servizos ferroviarios ao Congreso dos deputados
  • Presas: “É a hora de defender os servizos ferroviarios. Será clave para un cambio político a partir do do 12X”
Presas denuncia o recorte de servizos ferroviarios en Valdeorras anunciado polo goberno do Estado

A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, denunciou o recorte de servizos ferroviarios nas conexións fundamentais para as veciñas da comarca de Valdeorras. Presas afirmou que o BNG solicitará a reactivación deste servizo ao goberno central e non poderá empregar como coartada a crise da covid-19.

O goberno progresista do Estado español anunciou que recortará servizos ferroviarios en Galiza. Desde a formación nacionalista indicaron que non poden empregar a coartada do coronavirus para recortar o dereito das veciñas e veciños . “É inaceptábel e un insulto que se veña anunciar a supresión do tren-hotel que conecta cidades como Vigo e A Coruña con Madrid ou Barcelona” indicou Presas mentres tamén apuntaba que esta liña tamén era empregada polas veciñas de Valdeorras para comunicarse co resto da provincia de Ourense e o País. “A Rúa e o Barco de Valdeorras empregan moito esta liña para suplir a ausencia dunha conexión do interior adecuada” continuou explicando a candidata do BNG.

Presas afirmou que non era a primeira vez que o goberno do Estado anuncia o desmantelamento dos servizos ferroviarios en Galiza porque xa no mes de outubro o BNG fíxose eco das denuncias feitas pola cidadanía: Renfe pretendía rebaixar a calidade dos tren-hoteis substituíndoos por talgos máis vellos, o cal engadiría “máis atrasos e deficiencias aos traxectos que chegan sistematicamente con demoras e con inconvintes para os pasaxeiros”.

“É a hora de defender os servizos ferroviarios. Será clave para un cambio político a partir do 12 de xullo e poñer punto e final ao goberno de Feijóo que leva once anos calado e permitindo que pechen estacións de ferrocarril, que haxa supresión nas liñas e mesmo redución nos horarios das liñas” apuntou a candidata do BNG, Noa Presas.

 

Tren digno para o interior: campaña a prol de conexións no país

“Isto é un anuncio máis nun territorio que xa sofre pola ausencia dun tren galego de proximidade” dixo a candidata do BNG. Tamén lembrou que a formación nacionalista levou a cabo, no mes de febreiro, unha campaña comarcal e provincial en Ourense para pular polo aumento dos servizos ferroviarios.

“Tren digno para o interior” procuraba reivindicar o dereito a ter uns servizos ferroviarios dignos mantendo os servizos presenciais na venda de billetes, a modernización da rede ferroviaria pulando por un Tren Galego de Proximidade así como transferir as competencias en materia ferroviaria. Unha campaña que permitira conectar o territorio e que, ademais da súa vertente social, tamén foi levada ao Parlamento de Galiza pola agora candidata Noa Presas; nos concellos da comarca de Valdeorras polos concelleiros e mesmo debatida no Congreso das e dos deputados.

Presas denuncia o recorte de servizos ferroviarios en Valdeorras anunciado polo goberno do Estado