Presas: "Exixiremos que a Xunta garanta a atención pediátrica no Ribeiro"

O BNG teme o posíbel recorte no servizo sanitario de Ribadavia

Presas: "Exixiremos que a Xunta garanta a atención pediátrica no Ribeiro"

A deputada do BNG, Noa Presas, levará ao Parlamento de Galiza o futuro sobre o servizo de pediatría na comarca do Ribeiro. Dende o BNG temen pola pediatría en toda a circunscrición e non permitirán que o seguinte paso nas políticas de recortes do Partido Popular sexa Ribadavia e o seu centro de saúde.

A escasas horas de comparecer Presas criticando a "decisión unilateral" do SERGAS por pechar o paritorio e o servizo de urxencias pediátricas no Hospital de Verín, o Partido Popular vetou a comparecencia do Conselleiro de Sanidade, Vázquez Almuíña, na cámara galega. Agora, dende o BNG explicaron que reforzarán e esixirán o servizo sanitario público no resto da provincia de Ourense. Comezarán coa situación de atención de pediatría da comarca do Ribeiro, concretamente no centro de saúde de Ribadavia.

"Exixiremos que a Xunta garanta a atención pediátrica no Ribeiro cubrindo de forma máis eficiente no Centro de Saúde de Ribadavia" afirmou a deputada do BNG. Diante da posibilidade, a curto prazo, dunha nova xubilación dun dos facultativos, Presas quere garantir que "esa praza sexa cuberta para ter un servizo público a pleno rendemento".

A reducción do persoal sanitario é un dos principais obxectivos na política de deterioro dos servizos sanitarios segundo se pode comprobar. "Isto provoca unha maior carga de traballo e perda na calidade asistencial" sinalour Presas. Nos últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) constan 1.201 crianzas menores de 16 anos na zona do Ribeiro. Dende o BNG, a deputada Noa Presas, presentou no Parlamento Galego unha iniciativa para garantir, como mínimo, os dous postos de atención pediátrica no Centro de Saúde.

 "Dende o BNG estamos preocupados pola pediatría en toda a circunscrición de Ourense. Temémonos que as intencións do PP sexa recortar estes servizos en Ribadavia e o BNG non o vai permitir" apuntou Presas. A deputada preguntará tamén en sede parlamentaria sobre o futuro destes postos de traballo se se ten prevista a substitución deste facultativo da zona e como van asegurar a súa cobertura.

Agardando polas listas de agarda

No último pleno ordinario do Parlamento de Galiza, Noa Presas solicitaba que se publicaran as listas de agarda de atención pediátrica. Había datos sobre a demora de máis de 1.200 citas aprazadas mais faltaban os datos do Hospital Comarcal de Verín e o do Barco de Valdeorras. O BNG continúa agardando a que o SERGAS publique estas listas de espera: "sabemos que están cancelando, aprazando e mesmo anulando citas" sinalou Presas, deputada no Parlamento.

Manifestación: 30 de novembro en Verín

A deputada do BNG volveu lembrar a convocatoria programada para este sábado, 30 de novembro, en Verín polas deficiencias que ten o Hospital Comarcal de Verín: na área de dermatoloxía, no bloque quirúrxico, na atención do persoal de urxencias, o perigo de privatización da cociña do Hospital, etc.

Presas afirmou a súa asistencia a esta manifestación e mostrou o seu apoio a todas as veciñas e veciños da Comarca de Monterrei ante os recortes do PP nesta área sanitaria. A mobilización comezará ás cinco da tarde diante do Hospital de Verín.

Presas: "Exixiremos que a Xunta garanta a atención pediátrica no Ribeiro"