Presas: “Impulsar o aproveitamento agrogandeiro é a garantía dun Ourense vivo”

O BNG aposta en Viana do Bolo por un desenvolvemento do rural  activo acompañado de servizos sociais de calidade

Presas: “Impulsar o aproveitamento agrogandeiro é a garantía dun Ourense vivo”

A cabeza de lista do BNG por Ourense ás eleccións ao Parlamento de Galiza, Noa Presas, visitou o Concello de Viana do Bolo acompañada polo alcalde da vila, Secundino Fernández, e membros da corporación municipal. Dende o BNG apostan por non dar as costas ao sector primario e abordaron a necesidade dun nivel de renda adecuado para os agricultores e gandeiros para que poidan vivir dignamente.

“Precisamos un cambio político para que a partir do 5A a Xunta de Galiza deixe de estar de costas ao sector primario e chegar tarde aos problemas dos diferentes campos de traballo no sector primario, como aconteceu coa avispiña” recalcou a candidata do BNG, Noa Presas, durante un encontro con representantes do sector primario.

Durante o encontro Presas e Fernández abordaron a necesidade de que se obteñan prezos xustos e se beneficien de servizos que lles permitan vivir dignamente. “Hai que apoiar políticas de impulso económico e garantir servizos públicos en todas as comarcas para poder fixar poboación, ao contrario do que aconteceu na última década de goberno do PP” sinalou Presas.

“Para o BNG o medio rural é un sector estratéxico e chave no desenvolvemento económico e ten que vir acompañado de actuacións públicas non sectoriais que garantan servizos de calidade aos habitantes das zonas rurais, como pode ser a educación, a sanidade, servizos sociais, transporte...” enumerou a candidata do BNG. No encontro a candidata ao Parlamento Galego acolleu as demandas emanadas do sector apícola, ovino, cárnico, lácteo e da  castaña, así como emitiu as propostas da súa organización neste eido.

Durante o percorrido polo Concello de Viana do Bolo, tamén visitaron unha explotación e un museo dunha coñecida artista local, Neves Fernández, ademais de varios negocios da vila. Dende o BNG puxeron en valor, tomando como exemplo estes locais recentemente abertos, o desenvolvemento socioeconómico que está a acontecer na vila vianesa.

Presas: “Impulsar o aproveitamento agrogandeiro é a garantía dun Ourense vivo”