Presas: "A sanidade é un dereito tamén para a poboación do rural"

O BNG culpabiliza ao PP en realizar políticas de recortes levada a cabo nestes once anos de goberno na Xunta de Galiza

Presas: "A sanidade é un dereito tamén para a poboación do rural"

A cabeza de lista polo BNG na provincia de Ourense, Noa Presas, xunto coas compañeiras da organización denunciou o acontecido en Celanova indicando que o PP tenta quitar servizos públicos e só da marcha atrás cando hai protestas, tal e como aconteceu en Verín. Sinalaron tamén a falta de financiamento e comprometéronse a blindar a atención primaria despois do 5A.

Nun primeiro momento, a cabeza de lista polo BNG ao Parlamento de Galiza, Noa Presas, agradeceu e parabenizou á veciñanza por responder e mobilizarse a prol da reposición dos servizos de radiodiagnose. Seis meses, dende o mes de outubro, de dignidade que contrastan coa "deixadez" do Partido Popular. Asemade, Presas denunciou o acontecido sinalando que "é o modus operandi do PP: tentar quitar servizos públicos" sendo unha característica desta "década negra" do PP no goberno da Xunta de Galiza "só dan marcha atrás e rectifican se hai protestas como aconteceu en Verín" destacou a candidata.

Presas sinalou a falta de financiamento debido á submisión de Feijóo e o Partido Popular ao sistema de financiamento aprobado polo goberno do Estado. "Isto demostra a necesidade de máis poder político". Dende o BNG indicaron que existe unha folla de ruta de privatización e externalización de servizos esenciais coa derivación de doentes a centros privados. "Hai persoas de Bande, Verea e Lobios que non é de recibo que teñan que desprazarse até Ourense para que as atendan" sinalou a candidata despois de que o servizo de radiodiagnose estea pechado durante seis meses.

"A partir do 5A apostaremos por instaurar un Plan de Atención Primaria que reforce os centros que hai no rural co 25% do orzamento total da Xunta de Galiza. A sanidade é para nós unha prioridade. A sanidade é un dereito tamén para a poboación do rural" reivindiou Presas. Sumou a estas reivindicacións a recuperación das Xerencias de Atención Primaria con capacidade resolutiva e orzamentaria ademáis de incrementar as prazas de especialistas en pediatría e medicina familiar comunitaria.

 

Presas: "A sanidade é un dereito tamén para a poboación do rural"